spot_img
InicioO SalnésArousaVilagarcía destinará este ano 310.000 euros a mellorar o saneamento en Carril...

Vilagarcía destinará este ano 310.000 euros a mellorar o saneamento en Carril e a facer unha pista deportiva na Tomada

vilagarcia-destinara-este-ano-310-000-euros-a-mellorar-o-saneamento-en-carril-e-a-facer-unha-pista-deportiva-na-tomada

O goberno local decidiu investir en Carril 310.000 euros dos fondos da Deputación que lle corresponden a Vilagarcía. Esta suma destinarase a dúas actuacións que o goberno considera esenciais para a localidade carrilexa: a renovación do saneamento para acabar cos verquidos e a dotación dunha zona deportiva na Tomada.

A precaria situación na que se atopa a rede de saneamento é un problema constante na meirande parte do municipio, de aí que equipo de Alberto Varela teña fixado este punto como un tema prioritario da súa xestión para o mandato. E dentro desta liña, o Concello decidiu empezar este mesmo ano por Carril dada a reiteración de verquidos que se rexistran ao longo do litoral carrilexo e que danan gravemente a imaxe tanto das praias como das concesións marisqueiras da zona e que, ademais afean o contorno dun parque Nacional do que forma parte a Illa de Cortegada.

Por iso, en vista dos informes negativos de Costas, os socialistas optaron por investir en renovación de bombeos e outras Actuacións contra os verquidos os 250.000 euros de fondos provinciais correspondentes ao ano 2015 que o anterior goberno popular pretendía gastar na adquisición de columpios para instalar nas praias de Compostela e A Concha.

O rexedor opina que “aínda que Costas permitise os columpios, de nada vale adornar a superficie dun lugar cando a escasos metros seguen vertendo ao mar augas residuais”. Varela é consciente de que “os investimentos que se soterran pode que non luzan, pero son esenciais e, neste caso, urxentes, e este goberno actúa de xeito responsable, non para vender de cara á galería”.

A maiores, o goberno local tamén destinará parte dos fondos provinciais do ano 2016 a outra actuación en Carril, neste caso para cubrir a carencia de zonas de ocio deportivo e a atender unha antiga petición veciñal. Aproveitando os terreos de titularidade municipal, o Concello instalará unha cancha multideportiva na zona da Tomada na cal investirá 60.000 euros.

Foto: wikipedia

 

- Publicidade -spot_img