spot_img
InicioPontevedra e ÁreaVigo enche de arte e cultura as rúas coas actividades do segundo...

Vigo enche de arte e cultura as rúas coas actividades do segundo programa de medianeiras

vigo-enche-de-arte-e-cultura-as-ruas-coas-actividades-do-segundo-programa-de-medianeiras

O II Programa municipal para arrumbar medianeiras, que quere recuperar espazos da paisaxe urbana da cidade e poñer en valor ese patrimonio, ten previstas actividades culturais e artísticas na rúa, de xeito paralelo á execución dos 14 murais. Haberá concertos, obradoiros de creación artística, actividades en centros de ensino primario e secundario e no barrio alto do Casco Vello pensadas para a participación cidadá.

O Concello de Vigo deu a coñecer este venres as actividades complementarias do segundo Programa para Arrumbar Medianeiras e outros elementos verticais con incidencia sobre a vía pública, que quere contribuír á recuperación e revitalización da contorna urbana e comercial e da paisaxe da cidade, á posta en valor do patrimonio e á mellora da calidade de vida da cidadanía, amais de dar a coñecer a obra dos artistas urbanos. O programa supoñerá a execución de 14 murais en diferentes espazos vigueses e amais desenvolverá un amplo programa de actividades artísticas e culturais durante o mes de xuño.

O martes día 21 van colocarse uns versos do poema “Malú” de Carlos Oroza (“Oh eva, évame malú, évame malú”) na confluencia da rúa do Príncipe coa Porta do Sol reproducidos nunha lousa en letras de bronce. Tamén está prevista unha intervención en homenaxe a ÉRGUETE, pintando o muro situado entre as rúas Baiona e A Guarda, no barrio de Coia, coa participación da xente do barrio, especialmente os maiores, ao cumprírense 30 anos do nacemento da entidade de axuda ao toxicómano.

O Concello poñerá en marcha no mes de xuño a segunda parte da exposición “Vigo Sorrí 2016” na rúa do Príncipe, que incluirá 96 fotografías instaladas sobre estruturas metálicas amosando rostros sorrintes que se mesturarán coa vida cotiá da xente.

Ademais, desenvolverase o “Urbanizarte 2016” que pretende implicar á cidadanía na creación artística con obradoiros nos que participen activamente, convertendo as rúas viguesas nun museo gratuíto, e aproveitando o talento creativo dos artistas urbanos, pintores e deseñadores gráficos que lles aprenderá a crear unha peza artística. Os talleres desenvolveranse no mes de xuño en rúas de Teis (día 15), O Calvario (16), Príncipe (18), Navia (19) e Coia (20).

Actividades en colexios e no Casco Vello alto
O II Programa para arrumbar medianeiras organiza accións para dinamizar espazos en colexios e institutos decorando os paramentos exteriores a través das composicións do alumnado, axudado por un grupo de profesionais, nunha actividade que servirá para concienciar á cidadanía de que a aproximación da infancia á contorna xera unha sociedade máis comprometida e sensible. Hai varios centros seleccionados para desenvolver esta actividade: CEIP Sárdoma Moledo, CEIP Balaídos, CEIP Igrexa Candeán, CEIP Emilia Pardo Bazán (Chouzo), IES A Guía, ASPANAEX e APAMP.

O barrio alto do Casco Vello tamén será protagonista deste programa con accións de dinamización cultural en colaboración coa Asociación Cultural “Barrio Alto”. O obxectivo é que a cidadanía cambie a mirada sobre o barrio e volvan pasear e gozar desta zona. Para iso, o Concello destacará os seus valores para situalo no mapa como destino cultural e turístico poñendo á veciñanza como centro das accións para que descubran espazos non frecuentados. Un grupo de artistas ilustradores amosarán coas súas creacións como era o barrio, como é e como pode ser, redefinindo rúas, espazos e edificios cunha óptica fresca e próxima á sociedade. Os artistas serán seleccionados previamente así como as zonas susceptibles de intervención, de xeito que se creará unha exposición na rúa accesible a toda a cidadanía.

Actividades musicais
A segunda edición do programa municipal para arrumbar medianeiras inclúe a música na rúa entre as actividades complementarias cunha serie de concertos diante do MARCO no mes de xuño: o xoves 16, Su Garrido e Treme; o venres 17 tocan Antifragil e o sábado 18, Best Boy; todos ás 20:30 horas do serán. Ademais, o domingo 19 na Alameda Suárez Llanos en Bouzas toca Cinta Adhesiva e, como concerto de clausura do programa, o martes 21 de xuño, para celebrar o Día Internacional da Música o Casco Vello énchese de son con concertos das Agrupacións de cámara da Orquestra Clásica de Vigo en tres escenarios: a travesía da rúa Esperanza coa rúa Funil ás 18:00 e 19:00 horas, na rúa Joaquín Yáñez con Fermín Penzol ás 18:30 e 19:30 horas e na Praza da Igrexa ás 20:00 e 21:00 horas.

- Publicidade -spot_img