spot_img
InicioPontevedra e ÁreaVigo busca entrar no mapa das universidades europeas accesibles

Vigo busca entrar no mapa das universidades europeas accesibles

vigo-busca-entrar-no-mapa-das-universidades-europeas-accesibles

A Universidade sumouse á celebración do Día da Accesibilidade cunha actividade dirixida a formar ás persoas interesadas sobre como crear condicións inclusivas e de accesibilidade para persoas con algún tipo de discapacidade, xa sexa física ou intelectual.

As actividades arrancaron cunha sesión teórica no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución e continuaron cunha xornada práctica na que as e os asistentes tiveron a oportunidade de realizar un percorrido en cadeiras de rodas para experimentar que supón ter unha discapacidade física, aumentar a concienciación social sobre esta realidade e, ao mesmo tempo, identificar cales son as principais barreiras que seguen a existir no campus e como poden eliminarse.

Esta acción formativa levouse a cabo ao abeiro do proxecto internacional MappED, que botou a andar a finais de 2015 con financiamento europeo e do que Vigo é unha das universidades socias, xunto a Unviersidade de Varsovia, á asociación de estudantes ESN (Erasmus Student Network); a Association for Higher Education Access and Disabiligy, Ahead, de Irlanda; a Rede das Universidades das Capitais de Europa, Unica, e a asociación gala de persoas con mobilidade reducida, Jaccede, cuxos representantes foron os que se encargaron de impartir este obradoiro práctico.

Con sede na Facultade de Filoloxía e Tradución, o evento reuniu un total de 27 participantes, entre eles alumnas e alumnos con discapacidade, persoal do gabinete psicopedagóxico do campus de Ourense, docentes de diferentes escolas e facultades e o equipo responsables deste proxecto na Universidade de Vigo, entre eles, o vicerreitor de Relacións Internacionais e Extensión Universitaria, Manuel Fernández Iglesias, e a técnica da Oficina de Relacións Internacionais, Eva Garea. “Nós somos unha universidade pública e como tal tentamos atender de forma personalizada a cada estudante, neste sentido este tipo de xornadas axúdannos a ver se estamos ou non no bo camiño”, explicou o vicerreitor, que recalcou tamén a importancia de seguir organizando actividades formativas para que toda a comunidade universitaria saiba como garantir que o alumnado con necesidades de atención específica a teña, “en definitiva, trátase de organizar diferentes accións que poñan a Vigo no mapa europeo das universidades accesibles”, recalcou Fernández Iglesias.

O percorrido partiu da Facultade de Filoloxía e Tradución e, divididos en diferentes grupos, percorreron as diferentes instalación do campus de Vigo. Achegáronse á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, ao edificio Miralles, ao centro comercial da Cidade Universitaria… “En xeral a accesibilidade é boa, pero tamén estamos a detectar moitas cousas que seguen a ser mellorables e das que non te dás conta ata que estás aquí sentada”, explicou unha das mozas que fixo o percorrido sentada na cadeira de rodas.

Demasiadas escaleiras, escaseza de ascensores, mostradores de atención ao público demasiado altos para atender a unha persoa en cadeira de rodas ou aulas sen rampla de acceso para acceder aos pupitres foron as principais barreiras das que se queixaron os participantes na actividade.

Máis formación, máis integración

Ao marxe deste obradoiro práctico, a actividade contemplou tamén formación sobre como preparar material divulgativo que sexa accesible, incluíndo exemplos prácticos de como adaptar as novas tecnoloxías para que sexan máis accesibles (uso do ‘narrador’ ou do texto alternativo, dos enlaces, da cor de fontes adecuada…); a experiencia práctica de docentes que traballan con alumnos e alumnas con discapacidade e como realizan a súa titorización; como introducir nas guías didácticas o detalle de que se precisa en relación á discapacidade, a necesidade de regular adaptacións significativas do currículo… “Ademais, houbo tamén un pequeno debate sobre as distintas discapacidades e a experiencia dos estudantes da nosa Universidade en relación á atención á discapacidade”, explicou Eva Garea, que falou tamén da necesidade do traballo conxunto entre os servizos universitarios de relacións internacionais e os departamentos de atención á diversidade para conseguir unha maior integración do alumnado estranxeiro con discapacidade.

D. Besadío | UniVigo

- Publicidade -spot_img