spot_img
InicioPontevedra e ÁreaVigo acollerá a primeira exposición pública da historia do Pergamiño Vindel

Vigo acollerá a primeira exposición pública da historia do Pergamiño Vindel

vigo-acollera-primeira-exposicion-publica-da-historia-do-pergamino-vindel
Román Rodríguez, e Salustiano Mato

O proxecto ‘Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas’ contempla tanto a mostra do documento no Museo do Mar de Galicia en Vigo, como un completo programa de actividades para a difusión da súa importancia histórica e cultural.

A Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, representados polo reitor, Salustiano Mato, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, veñen de asinar o acordo de colaboración para organizar a programación das actividades derivadas da chegada a Vigo do Pergamiño Vindel, un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa e un documento de excepcional relevancia para a historia cultural de Galicia. A colaboración entre ambas institucións permitiu que a primeira exposición pública da que se ten constancia deste documento de incalculable valor se realice en Galicia.

O conselleiro cualificou este fito como “moito máis que unha exposición bibliográfica, un proxecto de país”. Neste sentido, explicou que na exposición o Pergamiño Vindel estará acompañado doutras importantes pezas que axudarán a contextualizar e pór de relevancia a súa importancia no marco da lírica medieval galego-portuguesa, berce das nosa literatura e tradición musical culta, ademais de ser un fenómeno estudado en profundidade dentro e fóra das nosas fronteiras.

O conselleiro rematou a súa intervención lembrando unhas palabras de Ramón Piñeiro pronunciadas no seu ingreso na Real Academia Galega: “o pobo é a unidade natural de convivencia, a cultura é a súa forma e a lingua é o seu vehículo.”

No acto presentouse tanto a identidade corporativa deste fito cultural e deuse a coñecer a páxina web que albergará toda a información sobre a chegada do Vindel a Galicia e o ambicioso proxecto expositivo e programación cultural que se está a preparar ao seu redor, que xa está dispoñible e accesible no enderezo https://uvigo.gal/eventos/proxecto-vindel/ .

Un tesouro en sete cantigas

O Pergamiño Vindel será exposto no Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, un lugar idóneo tanto polas súas condicións técnicas –que foron validadas pola Morgan Library Museum, onde permanece depositado o pergamiño– como pola súa situación, na entrada do mar de Vigo que inspirou as sete cantigas de amigo que Martín Códax plasmou no Vindel. Ao seu carón, poderanse contemplar unhas 40 pezas de relevancia histórico-cultural datadas entre os séculos XII ao XV, distribuídas nas sete partes que conforman a mostra – comisariada por Francisco Singul- e que se corresponden coas sete cantigas recollidas no pergamiño. A mostra estará aberta ao público entre outubro de 2017 e marzo de 2018.

O acordo asinado hoxe recolle que a Consellería asume os gastos derivados da exposición do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia como poden ser o acondicionamento dos espazos, o comisariado e o deseño da exposición, incluída a edición do libro-catálogo. Pola súa banda, a universidade faise cargo dos gastos derivados do Agreement for Outgoing Loans que inclúe, entre outros aspectos, o transporte, a mensaxería, as taxas de rexistro ou os complementos da póliza de seguro.

Asemade, contémplase a colaboración entre ambas institucións na elaboración dun programa de actividades que, xunto coa mostra, constituirá o proxecto Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas.

Historia dun retorno

Ao abeiro da colaboración entre Xunta de Galicia e Universidade de Vigo o Pergamiño Vindel, que leva 40 anos depositado na Morgan Library Museum (Nova York), sairá por primeira vez da cidade dos rañaceos para retornar a Vigo, á contorna que as inspirou.

O Pergamiño Vindel, no que o nome de Martín Códax aparece na parte superior, foi escrito en tinta negra e os pentagramas en vermello, mentres que as iniciais están ornamentadas en vermello e azul.

Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada se soubo da obra de Martín Códax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres, onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el.

- Publicidade -spot_img