spot_img
InicioPontevedra e ÁreaVía libre para desenvolver o Campus do Mar na ETEA

Vía libre para desenvolver o Campus do Mar na ETEA

via-libre-para-desenvolver-o-campus-do-mar-na-etea

Os convenios que permitirán desenvolver Campus do Mar na ETEA aprobaranse a próxima semana

Abel Caballero confirmou ao reitor, Salustiano Mato,  a celebración do pleno de Zona Franca o vindeiro martes, quen  asegura estar “moi feliz de poder poñernos a traballar de forma definitiva”

O visto bo aos convenios entre a Zona Franca e a Universidade de Vigo e entre o Consorcio e a Xunta de Galicia que permitirán o desenvolvemento do proxecto de Campus do Mar previsto na ETEA, será unha realidade o vindeiro martes 25 de abril, data proposta por Abel Caballero para a celebración do pleno do Consorcio que preside. Foi o propio alcalde de Vigo, nunha reunión celebada este mediodía no Concello, o que confirmou ao reitor da Universidade de Vigo, a data na que terá lugar unha sesión na que Mato explicou que se aprobarán os convenios previstos “o que posibilitará que vaian adiante as actividades previstas de Campus do Mar na ETEA. Estamos moi felices de que podamos poñernos a traballar dunha forma definitiva”, asegurou o reitor. Pola súa banda, Caballero lembrou que transcurrido o tempo que lle dera á Xunta para que doase os edificios que ten na ETEA á Universidade, “entendemos que só quere a Cidade do Mar da Universidade de Vigo para obter 5,5 millóns de euros de ingresos procedentes de Zona Franca. Non ten outra vontade, nin vocación”, asegurou o alcalde de Vigo.

Na xuntanza celebrada este mediodía en dependencias da Alcaldía, Caballero e Mato tamén avanzaron no acordo para que a Universidade poda dispoñer dunha sede institucional transitoria no edificio da antiga reitoría na rúa Oporto mentres non finalizan as obras da sede definitiva que se localizará no Berbés. “Agardamos a actualización de Patrimonio para que se poda facer o proxecto construtivo” explicou o reitor, que fixou en ano e medio ou dous anos o tempo duración dos traballos. Mentres, o alcalde reiteriou a súa intención de que a Universidade dispoña dunha sede no centro da cidade e avanzou que o acordo para que a institución poda ocupar as dependencias na antiga reitoría podería asinarse de xeito inmediato. Caballero tamén confirmou que se segue a estudar coa Universidade mecanismos para que o Concello poda destinar bolsas de comedor e inglés a estudantes con poucos recursos.

Tras lamentar a dilación dun ano dos trámites para a aprobación dos convenios que finalmente serán levados ao pleno da Zona Franca da próxima semana, Salustiano Mato incidiu na importancia de que a Universidade sexa a titular dos terreos a ETEA para así poder empezar a desenvolver os proxectos previstos. “A partir de agora traballaremos con todas as institucións e poñeremos enriba da mesa a rehabilitación do edificio Faraday, cuxo financiamento temos comprometido coa Xunta, e os proxectos que lle dan contido á primeira fase do proxecto e elaboraremos os proxectos construtivos e de desenvolvemento da segunda fase”, explicou Mato, que situou o punto de partida das actuacións previstas no momento no que se asinen os convenios entre Zona Franca e Xunta e Zona Franca e Universidade e a finalización dos traballos de rehabilitación do edificio Faraday nuns dous anos.

O reitor, na súa coparecencia ante os medios, asegurou que o importante para el é falar de futuro e o importante para a Universidade é “que isto vaia para adiante. É a nosa misión poñer toda a carne no asador para desenvolver un proxecto moi importante para a Universidade e para Vigo. Imos volcarnos e non me cabe dúbida do apoio das institucións”, asegurou Mato.

Cooperación permanente e continua coa Universidade

Tras confirmar a súa intención de continuar reclamando ao presidente da Xunta a débeda que considera que a administración autonómica ten con Vigo, Caballero reitereou a súa decisión de cooperar coa Universidade de xeito “continuo e permanente”. O alcalde de Vigo, que aproveitou a súa intervención para promenorizar as actuacións que o Concello desenvolveu nos últimos anos nos terreos de titularidae municipal na ETEA, asegurou que “hai un travase real de 5,5 millóns de euros. Zona Franca regálalle á Xunta 5,5 millóns de euros”, dixo, ao tempo que acusou ao executivo autonómico de permitir “coa súa chantaxe” que se perdese un ano, cando “o tiña facilísimo se doase os terreos directamente”.

Desenvolvementos previstos nas parcelas 3A e 3B

En marzo de 2016 o Consello da Xunta aprobaba o convenio polo que o Goberno galego revertía á Zona Franca as parcelas 3A e 3B do Plan Sectorial da ETEA, que se corresponden coa área científico tecnolóxica, para que posteriormente a Universidade de Vigo procedese ao seu desenvolvemento, para dotar a Campus do Mar de infraestruturas destinadas ao emprendemento e ao desenvolvemento de tecnoloxías singulares. Na parcela 3A atópase o edificio Faraday, que albergaría un espazo destinado ao fomento da cultura emprendedora no ámbito mariño, Emprendemar, con incubadoras e preaceleradoras de empresas tecnolóxicas, así como unha unidade administrativa e de xestión e laboratorios especializados, e no que tamén participará Zona Franca. A este inmoble hai que engadir a parcela 3B, destinada a albergar infraestruturas para o reforzo das capacidades de Campus do Mar no ámbito das tecnoloxías singulares aplicadas ao medio mariño, en áreas como as tecnoloxías mariñas subacuáticas, a enerxía de orixe mariña e a biotecnoloxía e nanotecnoloxía aplicadas ao medio mariño. Pola súa banda, no edificio Siemens, localizado na mesma parcela que o Faraday, o Consorcio desenvolvería un centro de innovación gastronómico, no que tamén tomaría parte a Universidade de Vigo.

Mª del Carmen Echevarría/Uvigo

- Publicidade -spot_img