spot_img
InicioVal MiñorNigránUnha senda peonil unirá en breve as parroquias de Priegue e Nigrán

Unha senda peonil unirá en breve as parroquias de Priegue e Nigrán

Unha senda peonil unirá en breve as parroquias de Priegue e NigránOs veciños de Nigrán poderán achegarse desde esta localidade ata a travesía das Rexas utilizando a senda executada ao longo da estrada autonómica

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar o contrato para a execución dunha senda peonil ao longo da estrada autonómica Vigo-Tui (PO-552), en Priegue, no Concello de Nigrán. Con esta actuación, que se iniciará nas próximas semanas, os veciños da zona poderán camiñar desde a parroquia de Priegue ata a entrada de Nigrán utilizando un itinerario habilitado ao efecto.

As obras foron adxudicadas a Construcións Obras e Viais, S.A. (COVSA) por algo máis de 140.000 euros. O proxecto ten por obxecto a creación dun itinerario peonil de 710 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 8+160 (no que finalizan as beirarrúas existentes en As Rexas) e 8+870, no que se inician as beirarrúas de Nigrán.

Este proxecto permite a interconexión dos distintos núcleos de edificacións que se localizan ao longo do treito, mellorando a seguridade viaria dos viandantes, xa que na actualidade deben circular pola estreita beiravía desta estrada, que rexistra intensidades de tráfico elevadas neste punto, no entorno dos 15.000 vehículos/día.

A senda peonil construirase en paralelo á estrada, ao mesmo nivel da rasante desta para garantir a drenaxe axeitada, e cun ancho mínimo de 1,5 metros. Executarase en formigón coloreado, de xeito que sexa facilmente perceptible para os usuarios, segundo se amosa na simulación que se achega.

A obra complementarase coa execución dunha cuneta de seguridade para a recollida e evacuación das augas superficiais da plataforma ata os puntos de desaugue. Ademais, colocaranse os sistemas de contención precisos para separar o tráfico rodado do peonil, reducindo así a posibilidade de atropelo por saída de vía.

A actuación que levará a cabo a Consellería de Medio Ambiente beneficiará aos preto de 18.000 habitantes do Concello de Nigrán, que verán mellorada a súa seguridade viaria. O departamento que dirixe Ethel Vázquez, mediante este tipo de actuacións, pretende proporcionar aos cidadáns unha rede viaria máis segura e cómoda, que mellore a accesibilidade do conxunto de usuarios.

- Publicidade -spot_img