spot_img
InicioPontevedra e ÁreaUnha exposición permanente na Facultade do Mar, recupera e pon en valor...

Unha exposición permanente na Facultade do Mar, recupera e pon en valor o traballo de investigadoras galegas

unha-exposicion-permanente-na-facultade-do-mar-recupera-e-pon-valor-traballo-investigadoras-galegasA Facultade de Ciencias do Mar énchese de científicas que contan, nunha exposición permanente na Facultade do Mar que recupera e pon en valor o traballo de investigadoras galegas

Desde que no ano 1886 o presidente da Asociación de Médicos ingleses, Withers Moore, asegurase que “coa educación superior facilitada ás mulleres, a raza humana non poderá contar con máis fillos distinguidos”, transcorreron 132 anos. Nese case século e medio, a invisibilidade, que ata entón sufriran as científicas e investigadoras, así como as trabas que para acceder á educación padeceron as mulleres en xeral, foron mudando, aínda que non ata o punto de acadar unha igualdade real no ámbito científico. Co obxectivo de homenaxear a todas as mulleres coñecidas e descoñecidas que ao longo da historia, mesmo en condicións moi difíciles, achegaron co seu traballo importantes avances no campo da ciencia e da investigación e abriron o camiño ás seguintes xeracións, así como animar ás novas xeracións de mulleres a desenvolver a súa carreira no ámbito científico, a Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo acollerá de xeito permanente nos seus corredores a exposición Científicas que contan.

A través de 15 paneis, a mostra, impulsada polo centro e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, percorre a traxectoria profesional de 10 destacadas investigadoras galegas e remata cunha escolma de imaxes de científicas que na actualidade desenvolven a súa actividade na Universidade de Vigo. A mostra foi inaugurada nun acto no que interviron decana da Facultade de Ciencias do Mar e a enlace de Igualdade do centro, Belén Rubio e Paz Alonso e a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Anabel González Penín e no que o científico do IEO de Vigo, Alberto González Garcés ofreceu unha ponencia sobre Ángeles Alvariño, mentres Miguel Coto, do CSIC interveu cun relatorio sobre Aida Fenández e o catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo José Luis Legido, centrou a súa intervención na súa colega, recentemente falecida, Josefa García Sánchez.

Unha mostra reparadora e inspiradora

“Ata non hai moito tempo a ciencia estaba vetada ás mulleres e, como pode verse no primeiro dos paneis da exposición, os médicos no século XIX analizaban a relación entre a formación cultural e a perda da capacidade reprodutiva. Os homes levaban en moitas ocasións a gloria que lles correspondía as mulleres e na biografías das mulleres que presentamos na exposición atopamos exemplos de verdadeiras heroínas que loitaron contra todos os obstáculos”, explica Belén Rubio, decana da Facultade de Ciencias do Mar, que agarda que a mostra, ademais de servir para corrixir o trato inxusto recibido polas científicas ao longo da historia, inspire a unha nova xeración de mulleres e a anime a mergullarse no mundo da ciencia.

Pola súa banda a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Anabel G. Penín destaca “o labor da revisión histórica para sacar á luz científicas, todas elas galegas, que fixeron importantes achegas ao coñecemento humano, pero que sistematicamente foron ocultadas polas sociedades patriarcais”, así como que a exposición non teña carácter temporal e pase a ser un elemento permanente da facultade formando parte da súa identidade como centro, “o que constitúe un exemplo de boas prácticas para acadar espazos de convivencia universitarios máis igualitarios”, asegura.

De Aida Fernández Ríos a Josefa García Sánchez

A bióloga mariña Aida Fernández Ríos abre a mostra cun panel no que se relatan as achegas desta científica viguesa, que traballou na oceanografía do mar de Galicia. A tamén oceanógrafa Ángeles Alvariño González, descubridora de máis dunha vintena de novas especies planctónicas; a matemática e primeira astrónoma galega Antonia Ferrín Moreiras; a docente Celia Brañas Fernández, destacada como unha innovadora no ensino práctico das ciencias, baseado no “”ensino activo”; a médica, xenetista e profesora asturiana, aínda que desenvolveu a súa traxectoria profesional en Galicia, Jimena Fernández de la Vega; a primeira licenciada en Farmacia en Galicia, no ano 1900, Manuela Barreiro Pico; a matemática María Josefa Wonenburger Planells; a nutricionista Olga Moreiras Tuni e a primeira muller que exerceu a Medicina en Galicia, Olimpia Valencia López, son as protagonistas desta mostra, que reserva un dos seus paneis para a física Josefa García Sánchez, docente do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, falecida o pasado decembro de 2017, tras unha longa enfermidade. Científicas que contan pecha cun panel formado por 57 retratos de outras tantas mulleres científicas que neste intre desenvolven o seu traballo nos laboratorios e aulas da Universidade de Vigo en ámbitos que van da astronomía á inmunoloxía, pasando pola estratigrafía, a ecoloxía ou a criobioloxía.

Mª del Carmen Echevarría | UVigo

- Publicidade -spot_img