spot_img
InicioBaixo MiñoTui celebra esta fin de semana a XXI Feira de Artesanía

Tui celebra esta fin de semana a XXI Feira de Artesanía

tui-celebra-esta-fin-de-semana-a-xxi-feira-de-artesania

Haberá tamén actuación de grupos folclóricos, exposición de coches antigos e da asociación de palilleiras

A rúa Ordóñez, a Porta da Pía, e as prazas do Concello e de San Fernando acollerán esta fin de semana a XXI Feira de Artesanía de Tui nunha aposta do Concello de Tui pola artesanía e pola promoción do conxunto histórico da cidade. Corenta e un artesáns, con carta de artesáns, dos que dez son de Tui, achegarán as súas creacións en cerámica, coiro, bixutería, xoguetes… Tamén participará a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño, a Asociación Protectora de Animais Aloia,  SOS Tomiño Baixo Miño, e a Residencia San Telmo.

A feira foi presentada esta mañá polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Comercio, Miguel Capón, e unha representación dos artesáns tudenses que van estar presentes na feira esta fin de semana.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expuxo que a feira é unha pequena mostra da artesanía tudense e galega realizada por profesionais acreditados coma tales, salientando que este evento é un bo escaparate e reclamo da cidade para  a atracción de visitantes.  Fixo referencia amais o rexedor tudense a que na aposta pola artesanía haberá que “percorrer un camiño máis longo” e dotar a estes artesáns dun local propio no que pór en valor tamén o noso patrimonio.

O concelleiro de Comercio, Miguel Capón, deu conta de que do carácter solidario da feira xa que os artesáns participantes deberán facer unha achega de alimentos para SOS Tomiño Baixo Miño, á que se poden sumar todos aqueles que o desexen no posto que terán na feira.

Emilia Rosende tomou a palabra en representación dos artesáns tudenses, sendo a máis veterana e que xunto á Asociación de Palilleiras do Baixo  Miño, ten participado en todas as edicións deste evento.  Salientou que esta feira serve para amosar as creacións dos artesáns tudenses nun escenario único coma é o conxunto histórico da cidade.

José Quinteiro, de SOS Tomiño Baixo Miño, agradeceu ao Concello o feito de contar con eles nesta iniciativa solidaria así coma en moitas outras que se realizan ao longo do ano.

A feira será inaugurada o sábado ás 12h e abrirá tanto sábado coma domingo de 12 a 21h. O sábado ás 12h actuará o grupo folclórico San Xoán de Paramos, ás 13h o grupo de pandereteiras As D’Abadía de Caldeas, e ás 19.30h a banda de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei. Mentres o domingo ás 12h está prevista a actuación do grupo folclórico O Mosteiro de Pexegueiro, ás 12h o grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro e ás 19.30h a banda de gaitas Arume de Malvas.

De forma paralela o sábado no Paseo da Corredoira haberá unha exposición de coches antigos, e na Sala de Exposicións Municipal tanto sábado coma domingo en horario de 9 a 13.30h e de 16 a 21h poderá visitarse a exposición de traballos da Asociación e Palilleiras do Baixo Miño.

- Publicidade -spot_img