Tres medallas para o Club Deportivo Miño-Os Teixugos na II Copa de España de Slálom

tres-medallas-club-deportivo-mino-os-teixugos-na-ii-copa-espana-slalom

En K1 veterano Emilio Rodríguez fixo o mellor tempo da súa categoría

O Club Deportivo Miño-Os Teixugos conseguiu ouro, prata e bronce na competición celebrada esta fin de semana en Mondariz-Balneario, en augas do río Tea

Nova competición e novas medallas para o Club Deportivo Miño-Os Teixugos. O equipo tomiñés acudiu esta fin de semana á II Copa de España de Slálom, celebrado nas augas do río Tea ao seu paso por Mondariz-Balneario, no que participaron máis de 200 piragüistas, os mellores do slálom español coa única baixa da olímpica Maialen Chorraut, que faltou á cita por lesión.

O Club Deportivo Miño inscribiu a un total de 15 deportistas, dos que 10 participaron na competición oficial e outros cinco acudían en calidade de abridores. E gran balance para o equipo tomiñés, que rematou a fin de semana con tres medallas no peto: un ouro, unha prata e un bronce. O responsable de Deportes do Concello de Tomiño, Ismael Troncoso, quere felicitar aos deportistas do club por estas novas medallas e polos resultados acadados nas distintas categorías, que demostran o alto nivel do piragüismo no municipio.

Bos resultados

En K1 veterano Emilio Rodríguez foi quen de facer o mellor tempo da súa categoría e conseguir a medalla de ouro para o equipo. Mentres, en C1 sénior Luís Fernández realizou unha baixada impresionante que lle valeu a medalla de prata por diante do olímpico Ander Elosegui, a seu segundo metal na Liga Española de Slálom Olímpico, o que demostra o bo momento que está a vivir.

Xa en K1 sénior, a categoría máis numerosa e igualada, Manuel Ochoa fixo unha boa clasificatoria cunha baixada rápida e sen penalizacións que lle permitiu coarse na final. O domingo fixo unha baixada limpa e moi rápida lle valeu unha medalla de bronce a apenas un segundo do segundo clasificado, Unai Nabaskues, e a tres do gañador, Joan Crespo.

Pola súa banda, na categoría absoluta sénior feminino, Laura Alonso foi a mellor no décimo cuarto lugar cun recorrido sen penalizacións, Laura Soutelo e Marina Ruedas decimo oitava e décimo novenas respectivamente. Na categoría cadete, Ariadna Pereira rematou quinta en canoa pero non superou o tempo de corte para ir á final, mentres que na categoría K1 entrou nas finais e rematou cuarta, rozando a medalla de bronce. Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos remataron sétimos.

O seguinte reto para estes deportistas será superar os selectivos para formar parte do equipo español sénior e sub-23 de slálom, que se celebraran en abril e maio nas localidades de Pau e Seu D´Urgell, e para os que están clasificados Brais Castro e Luís Fernández en canoa, e Manuel Ochoa en kayak.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies