spot_img
InicioBaixo MiñoTomiño recibe a visita do ministro de Administración Territorial de Guinea Bissau

Tomiño recibe a visita do ministro de Administración Territorial de Guinea Bissau

tomino-recibe-a-visita-do-ministro-de-administracion-territorial-de-guinea-bissauUnha delegación do país africano visitou hoxe o Concello e o Mercado Municipal, dentro das actividades organizadas polo Fondo Galego de Cooperación, do que o Concello é socio desde hai varios ano.

O ministro da Administración Territorial da República de Guinea-Bissau, visitou hoxe Tomiño, dentro do programa de actividades que leva a cabo o Fondo Galego de Cooperación (FGC), do que é socio o Concello de Tomiño desde hai varios anos.

Acompañado por varias autoridades do seu goberno, o ministro asistiu onte en Compostela ás xornadas “Os retos da cooperación municipalista na consecución dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible)”, organizadas polo FGC, co fin de analizar o papel chave no cumprimento das metas fixadas pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030.

O Concello de Tomiño ofreceuse hoxe ante o Fondo Galego de Cooperación e a delegación ministerial de Guinea Bissau, a acoller técnicos deste país e de outros asociados, que queiran aproveitar as experiencias en desenvolvemento local nas que traballa o municipio.

O ofrecemento fíxoo a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, durante a recepción oficial brindada esta mañá á delegación africana.

Nun primeiro momento, o goberno recibiu aos visitantes no salón de plenos, onde a alcaldesa aproveitou para darlles a benvida e comentarlles as características do concello, as bases da súa economía, a estreita relación con Portugal e as políticas de cooperación transfronteirizas con Vila Nova de Cerveira.

Pola súa banda, o ministro Sola Naquilin Nabitchita, agradeceu a boa acollida, e lembrou a finalidade principal da visita: lograr apoios, obter información e formación en relación ás iniciativas de desenvolvemento local impulsadas desde o ámbito municipal, para logo tentar aplicalas no seu país. Segundo precisou o rexedor guineano, “o Fondo Galego de Cooperación pode ser a punta de lanza para un intercambio fluído entre pobos galegos e africanos”.

Tras asinar no libro de honra do Concello e recibir un agasallo típico galego, a delegación foi conducida ao mercado municipal, onde puido visitar os distintos postos e falar cos praceiros e praceiras.

A visita finalizou co convite a un pequeno almorzo, no propio mercado.

 

- Publicidade -spot_img