spot_img
InicioBaixo MiñoTomiño presenta ao Club de Atletismo Trega

Tomiño presenta ao Club de Atletismo Trega

tomino-presenta-ao-club-atletismo-tregaLevan dous anos adestrando en Tomiño, así que o seu traslado ao concello era o paso natural. O concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, presentou en sociedade ao Club de Atletismo Trega, que dende novembro ten a súa sede no concello tomiñés.

O equipo adestra nestes intres a preto de 50 atletas, 40 deles ligados á Federación Galega de Atletismo e outros dez nenos e nenas que participan no programa Xogade, unha campaña de actividade lúdico deportiva promovida pola Xunta de Galicia co que se busca promover o deporte educativo e saudable e brindarlle aos escolares a oportunidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade. Entre os membros xa federados do equipo atópanse atletas de entre 8 e 60 anos, aínda que o 75% son rapaces e rapazas e o resto son veteranos.

O club realiza as súas sesións de adestramento tanto no CEP Pedro Caselles Beltrán de Tomiño, como nas pistas de atletismo do campo de fútbol de A Carballa. O uso destas instalacións “garante que os rapaces e rapazas poden practicar este deporte sen perigo e a cuberto cando as condicións meteorolóxicas o precisan”, explicou a presidenta do club, Ariana González.

Os obxectivos do club son fomentar o atletismo entre os nenos e nenas, “que se animen a coñecelo e que se divirtan de xeito lúdico, que descubran que o atletismo é moito máis que correr e que lle collan o gusto” para seguir practicándoo a longo prazo.

Pola súa banda, o responsable da Concellería de Deportes de Tomiño, Ismael Troncoso, quixo tamén felicitar publicamente aos compoñentes do Club Trega polo gran papel desempeñado nos últimos campionatos disputados as pasadas fins de semana, como a carreira de campo a través de Soutelo, no que o equipo acadou 14 medallas (4 ouros, 3 pratas e 3 bronces en categorías individuais e 4 ouros por equipos), e no Campionato Galego de Marcha, do que volveron con dous ouros e unha prata.

 

- Publicidade -spot_img