Silva “temos que poñer na man dos nosos mozos e mozas todas as ferramentas que permitan o futuro e o desenvolvemento da nosa provincia”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou esta mañá que a institución provincial vense de sumar ao Día Internacional da Xuventude que se celebra este sábado 12 de agosto co obxectivo de “reivindicar a contribución que os mozos e as mozas fan á nosa sociedade, pois é fundamental que alertemos do que acontece coa xuventude máis formada da historia, malia que moitas e moitos mozos abandonaron a formación no boom da construción, e que ten moitos problemas derivados da crise económica”, sinalou a Presidenta provincial.

A Deputación de Pontevedra súmase ao Día Internacional da Xuventude que se celebra este sábado 12 de agosto

Carmela Silva, que estivo acompañada pola deputada de Xuventude, Digna Rivas, de quen alabou o seu traballo, asegurou que a xuventude da provincia de Pontevedra está “moi formada, ten moito talento, é innovadora e con mentalidade emprendedora” pero “ten salarios baixos, contratos temporais ou parciais e unha alta precariedade nos seus dereitos” ademais de que, “tristemente, tiveron que volver emigrar, algo que criamos superado”. Así, salientou que a Deputación de Pontevedra “neste día queremos alzar a voz para dicir que o conxunto das Administracións, particularmente as que teñen competencias en emprego –UE, Goberno central e Administracións autonómicas–, teñen que tomar decisións para que recuperen todos os dereitos que se teñen perdido”.

A Presidenta provincial lembrou que “a Xuventude era un asunto ao que non se lle prestaba atención antes da chegada do noso Goberno provincial” e que “a Deputación conta desde hai 2 anoscunha área específica para a mocidade, con programas concretos para unha franxa da nosa poboación crucial, posto que é a que vai garantir o noso desenvolvemento, a nosa supervivencia e o noso futuro”. Ademais, a Presidenta provincial asegurou que “estamos a ter en conta á xuventude dunha maneira transversal, nos programas que pomos en marcha desde todas as nosas áreas”.

Entre esas accións, Carmela Silva resaltou as 200 bolsas de práctica laboral na Deputación e concellos mailas outras 200 bolsas en empresas, o programa “Erasmus+ PracticumDepo” para a mobilidade europea de 81 graduados e graduadas, o coworking de Barro-Meis con espazos gratuítos durante cinco meses ou a Escola de Cantería, todas elas no eido da empregabilidade e o desenvolvemento profesional. Ademais, en Igualdade, “unha labor fundamental e especialmente incidente entre a mocidade”, sinalou Carmela Silva, a campaña “Lembra! Eu decido, ti respectas” para a visibilización das mulleres e a eliminación das agresións sexuais, presente en eventos masivos e“cuns magníficos resultados, milleiros de persoas se achegaron a informarse e crear consciencia contra estas situacións”.

Do mesmo xeito, programas de cohesión social como “Tecendo lazos” para crear encontrosinterxeneracionaiscos seus avós e avoas “para non perder experiencia, tradicións e a nosa cultura”, sinalou a Presidenta, ou as axudas para entidades sociais que realizan actividades en xuventude e infancia. No ámbito do lecer e do tempo libre, as rutas de “Depo Andainas”, “En ruta coa Depo” e “Etnoexperiencias” con apostas concretas para a mocidade, ademais do novidoso “DepoRúARTE” co obxectivo de favorecer a expresión creativas das mozas e os mozos a través da cultura urbana, mailos “Campamentos polideportivos” do Centro Príncipe Felipe e as quendas de “Depo Aventura A Lanzada” coa participación de 300 e 2.200 nenas e nenos, respectivamente.

Carmela Silva tamén sinalou o “Plan Revitaliza”, enmarcado no compromiso co medio ambiente que amosan as novas xeracións “e cunha maioría de mestres e mestras composteiras novas” ou iniciativas de cultura e talento como o certame “Novos Valores” para o fomento das artes plásticas, a primeira edición dos “Premios Provinciais á Xuventude” cunha dotación de 21.000 euros e tamén “apostas de turismo para a xuventude, que veñan participar en eventos pensados para elas e para eles” como os 8+1 #RíasBaixasFests, unha cita á que asisten milleiros de mozas e mozos cada verán e que ten esta mesma fin de semana aoMarisquiño como expoñente.

A Presidenta provincial indicou que, ao abeiro desta celebración, “contamos cun apartado específico na nosa páxina web na que se pode atopar toda a información relativa aos diversos programas e iniciativas da Deputación de Pontevedra enfocadas a esta franxa de idade”. Ademais, Carmela Silva lembrou que “dámoslles visibilidade a todas estas accións cunha cabeceira dedicada á mocidade na nosa web e nas redes sociais” e avanzou a creación dunha “acción viral para as redes sociais, a través da cal estamos compartindo imaxes das mozas e mozos que participan nos nosos programas acompañados pola etiqueta #DíaMundialXuventude e a que se corresponde a cada programa”.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “sumándonos á celebración do Día Internacional da Xuventude querémoslle dar visibilidade a este día e tamén á nosa xuventude, porque o merecen, porque son o noso futuro e temos que ter unha actitude proactiva de quen van ser o noso futuro inmediato, por non dicir o noso presente” e demandou “políticas dirixidas a elas e eles, xa que non é permisible que as nosas mozas e mozos vaian vivir peor do que viviron as xeracións anteriores”.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies