Silva subliña que ‘Sea Fest’ transmite ao mundo que Vigo é a capital da pesca e da gastronomía

Silva subliña que 'Sea Fest' transmite ao mundo que Vigo é a capital da pesca e da gastronomíaA Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou na inauguración do festival que “o mar está no ADN dos vigueses e viguesas”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe na inauguración do “Sea Fest” que é o transmisor a todo o mundo de que “Vigo é a capital da pesca mundial pola súa industria pero tamén pola gastronomía vinculada aos produtos pesqueiros”. Silva inaugurou xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero; o presidente da Cooperativa de Armadores, Javier Touza; a conselleira de Pesca e os representantes de A Banca e do Porto de Vigo a segunda edición do “Vigo Sea Fest”, que en máis de vinte mil metros cadrados dos xardíns do Náutico, mestura peixe, gastronomía e música.

Para a Presidenta da Deputación “son días  felices para a cidade de Vigo” porque van ser un perfecto escaparate dos produtos pesqueiros que  captura a frota viguesa senón “tamén pola mestura da gastronomía cunha oferta cultural que vai inundar a cidade”. Silva asegurou que “no ADN dos vigueses e das viguesas está o mar e neste festival somos capaces de ensinar ao mundo como somos capaces de transformar os nosos produtos cos cociñeiros e cociñeiras que levan o nome da cidade por onde van mostrando ademais o noso potencial tamén no eido cultural”.

Carmela Silva recoñeceu que o sector pesqueiro vigués foron quen “de xerar unha potencia industrial construíndo unha economía, un importante crecemento económico, creando moito emprego e apostando pola sostenibilidade, polo medio ambiente, porque non hai  economía de futuro se non se aposta pola sostenibilidade. E ademais en Sea Fest a muller está moi presente na cultura e na gastronomía facendo unha aposta por algo, que hoxe, en día reclama a sociedade”. “Os vigueses están orgullosos deste sector pesqueiro como puidemos comprobar onte nun percorrido pola tarde polo recinto feiral”, subliñou Silva.

Por último agradeceu o traballo feito pola Cooperativa de Armadores con esta segunda edición do “Sea Fest” que está situando a cidade como unha referencia mundial. “Imos converter esta festa nunha referencia gastronómica en Europea porque cando esta cidade ten unha idea faino todo ao grande e é unha referencia de éxito. A miña noraboa pola vosa idea, que estou segura que ano a ano vai seguir crecendo e poñendo a Vigo na cúspide de Europa”, subliñou a Presidenta da Deputación.

Pola súa parte, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu a Carmela Silva o seu compromiso con esta iniciativa que sitúa a Vigo nunha referencia mundial no sector pesqueiro e asegurou o apoio das institucións para seguir consolidando este festival.

Esta segunda edición do  “Vigo Sea Fest” celébrase nos xardíns do Náutico ao longo deste fin de semana e 18 cociñeiros e cociñeiras presentan diversas preparacións culinarias con peixes, capturados pola frota viguesa, e que non son moi coñecidos polos consumidores, ademais de diversas actuacións musicais.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies