spot_img
InicioPontevedra e ÁreaSilva presenta a nova sinalización tecnolóxica das Vilas Termais

Silva presenta a nova sinalización tecnolóxica das Vilas Termais

silva-presenta-nova-sinalizacion-tecnoloxica-das-vilas-termaisA presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presenta a nova sinalización tecnolóxica das Vilas Termais “Un paso máis na nosa aposta polo enorme potencial en termalismo que ten esta provincia”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, e aos alcaldes das vilas termais de Ponte Caldelas, Andrés Díaz; Catoira, Alberto García; Cuntis, Manuel Campos; Caldas, Juan Manuel Rey; O Grove, José Cacabelos; e Mondariz-Balneario, José Antonio Lorenzo, presentou a nova sinalización tecnolóxica mediante paneis con códigos QR para promover os recursos turísticos destas vilas, ás que hai que engadir tamén Vila de Cruces. Durante o acto, tanto a presidenta provincial como os alcaldes reclamaron “si ou si, unha lei que permita a xestión e dirección pública das augas termais porque o recurso e de todas e todos polo que non pode estar en exclusividade en mans privadas”, en palabras de Silva.

Carmela Silva destacou a potencialidade da provincia de Pontevedra “que conta co maior número de prazas de aloxamento termal de España e balnearios de referencia internacional en diferentes tratamentos”. Amais, as vilas termais da provincia de Pontevedra contan, tal e como declarou a presidenta provincial, con “centos de historias que xunto ás augas termais, as mellores do mundo e tan importantes nunha sociedade como a actual que cada vez máis aposta pola saúde, teñen unha enorme capacidade de atracción”.  Por estes motivos, segundo informou Silva, “da man dos concellos queremos promover os recursos turísticos que complementan a oferta termal e que o destino termal se posicione como un eixo estratéxico do turismo na provincia de Pontevedra”.

Segundo asegurou a presidenta da Deputación, ao remate do 2016 o turismo de saúde medrara un 20% tanto en volume de negocio como en número de pacientes. “Así que o ano pasado comezamos a traballar neste campo para, nun primeiro momento, corrixir unha anomalía xa que ata ese momento non estábamos integrados na sección de vilas termais da FEMP. Tamén fixemos unha intensa promoción a través de campañas en medios convencionais e redes sociais, asociando o termalismo ao Camiño Portugués”.

A presidenta da Deputación tamén puxo en valor que o  termalismo na provincia “é un recurso que o Plan Estratéxico de Turismo contempla como produto estratéxico a desenvolver e que ademais cumpre cos tres parámetros que nos marcamos co plan: desestacionalización,  excelencia e sustentabilidade”. Amais, Silva fixo fincapé na necesidade de poñer en valor o termalismo, xa que as persoas usuarias realizan un gasto ata tres puntos superior ás persoas turistas convencionais, así como na diferenciación das nosas vilas termais como patrimonio histórico e cultural, xa que máis do 60% das persoas que nos visitaron no 2016 elixiron a nosa provincia para coñecer o seu patrimonio cultural.

A promoción deste produto estratéxico realizarase, en palabras da presidenta provincial, “en colaboración cos concellos e co sector e a nivel nacional e internacional, mellorando as capacidades das vilas termais para atraer turistas e creando paquetes arredor deste recurso que ademais de poñelo en valor temos que protexer e conservar”. E esta promoción realizarase tamén “seguindo moi de preto o camiño que comeza a andar o Foro Termal do Eixo Atlántico no que están os municipios galegos e portugueses e que nos permitirá posicionarnos internacionalmente e captar recursos dos fondos europeos”.

Para relanzar o produto estratéxico do termalismo a Deputación de Pontevedra está a impulsar a mellora da sinalización das vilas termais a través de paneis tecnolóxicos con códigos QR. “Nós vivimos no século XXI e neste século –indicou Carmela Silva, hai ferramentas tecnolóxicas que permiten dar unha información de vangarda e situarnos como unha referencia tecnolóxica no entorno da promoción turística e isto é o que queremos conseguir con estes sete paneis informativos con códigos QR que instalaremos nas vilas termais da provincia”.

Os paneis informativos contan cunha imaxe antiga da vila e un mapa co resto dos concellos termais. A través do móbil, as persoas visitantes poderán acceder a unha información en galego, castelán e inglés, máis ampla que a que se atopa no panel, ben accedendo a través da web, ben escaneando o código QR ou coa tecnoloxía NFC, moi empregada por persoas con diversidade funcional. A información que achegan os códigos permiten ver máis fotografías, facer navegacións e recibir datos relativos a localidades situadas preto de cada unha das vilas termais.

Deste xeito, a través dos paneis, “estamos a poñer en valor tamén o noso patrimonio, as nosas historias, que este ano son o eixo da nosa promoción turística”. Máis polo miúdo, Silva enxalzou as burgas romanas de Caldas e Cuntis, o emprego das augas de Brea (Vila de Cruces) polos monxes de Carboeiro para tratamentos reumatolóxicos, as augas termais que en Catoira se empregaban desde o século XVII, o nome relacionado coas augas termais de Caldas de Reis e Ponte Caldelas así como os edificios rexios de Mondariz-Balneario e da Toxa, nos que se aloxaron persoeiros históricos desde a segunda metade do século XIX.  Por todas estas razóns, Silva rematou a súa intervención instando á posta en marcha “si ou si dunha lei que permita a dirección e xestión pública das augas termais. No século XXI é inadmisible que as augas termais, que son bens públicos, estean soamente en mans privadas”. Chamamento ao que se sumaron os alcaldes das vilas termais presentes no evento.

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, subliñou que “Ponte Caldelas tivo un pasado cun balneario no que se aproveitaban as augas mineromedicinais e, podo asegurar, que hoxe estamos a traballar para que teña un futuro, porque estas augas dan nome ao noso concello e supoñen unha fonte de turismo importante e necesaria para Ponte Caldelas”.

Vista do balneario de Mondariz en Pontevedra. FOTO: Turismo de Galicia

Pola súa banda, o alcalde de Mondariz-Balneario puxo en valor a importancia de “traballar xuntos, sumar, para converternos nunha referencia termal en Europa como xa o é Mondariz-Balnario, unha das 38 cidades termais históricas europeas recoñecidas”.

No caso de Cuntis, Manuel Campos, destacou a importancia do termalismo para a vila xa que “supón un pulmón económico”.  Do mesmo xeito o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, destacou a capacidade do termalismo “para singularizar os nosos pobos”.

José Cacabelos, alcalde do Grove, recordou a historia do descubrimento das augas termais da Toxa e o esforzo que está a realizar o concello para recuperar o antigo balneario e impulsar á vila como grande resort de Galicia e Norte de Portugal.

Pola súa banda, o alcalde de Mondariz-Balneario puxo en valor a importancia de “traballar xuntos, sumar, para converternos nunha referencia termal en Europa como xa o é Mondariz-Balnario, unha das 38 cidades termais históricas europeas recoñecidas”.

Pola súa banda, o alcalde de Catoira, Alberto García, recordou que dende 1952 deixou de funcionar o balneario pero informou que se levou a cabo unha investigación que permitiu localizar un manancial situado en terreos municipais. Ao respecto, García informou que “estamos facendo xestións para que se cree un hotel balneario en Catoira, de 100 habitacións, para poder explotar estas augas”.

 

- Publicidade -spot_img