Silva inaugura no Pazo da Deputación de Pontevedra a provocadora mostra “Rompe. Xoga en Igualdade”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, acompañada polas deputadas provinciais, inaugurou no Pazo provincial a provocadora “Rompe. Xoga en Igualdade”, mostra enmarcada nos actos celebrados ao abeiro do 8 de marzo. Carmela Silva anunciou que “todas as deputadas imos parar as 24 horas renunciando aos nosos soldos”

“‘Rompe. Xoga en Igualdade’ nace para loitar contra todas as inxustizas, para rachar coa desigualdade e construír un mundo mellor”. Así o asegurou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na inauguración da mostra de poesía visual ‘Rompe. Xoga en Igualdade’ que, a través de 18 paneis e de vitrinas con bonecas Barbies “intervidas”, amosa as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que sofren as mulleres ao longo de toda a súa vida desde o momento no que nacen. Para inaugurar a mostra, que estará dispoñible no Pazo provincial ata o vindeiro 8 de abril, Carmela Silva estivo acompañada polas deputadas provinciais Eva Vilaverde, Digna Rivas, Chelo Besada e Montse Magallanes e polas creadoras da mostra, Isabel Blanco, Irene Silva e Noemí Chantada, así como dos deputados provinciais aos que a Presidenta agradeceu “que estean presentes sen subir ao escenario porque estamos fartas de fotos de homes, queremos fotos de mulleres porque queremos o que nos corresponde, a metade de todo”.

“Rompe. Xoge en Igualdade” é unha mostra “extraordinaria, vangardista, rompedora, provocadora mostra ideada por grandes mulleres que son valentes mesmo sabendo todo o que teñen que padecer por defender algo tan fermoso”, asegurou Carmela Silva. “Ao abrir o catálogo arrepía a pel e abre as nosas conciencias”, afirmou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, que ten claro que “vai dar moito que falar porque amosa a realidade cruel das mulleres a través dunha boneca que non nos representa a todas” senón que, máis ben, é unha “muller-obxecto delgada, elegante e cun armario cheo de vestidos de todo tipo, que sempre está á disposición do seu Ken” pero que, a través da súa intervención, “convertémola nunha boneca digna”, asegurou Carmela Silva.

Carmela Silva asegurou que “estamos fartas porque levamos séculos loitando e, grazas ás feministas, avanzamos moito. Todos eses avances conseguidos polas feministas construíron un mundo mellor para todas e para todos”. A mostra recolle temáticas como a beleza, a prostitución, os ventres de aluguer, o matrimonio infantil ou o maltrato, entre outros. A Presidenta provincial reivindicou que “hoxe estamos aquí mulleres loitando por un mundo diferente no que todas e todos teñamos a posibilidade de ser iguais, libres e construír espazos e territorios xuntas e xuntos”. Trátase, en palabras de Carmela Silva, de “accións de denuncia das terribles discriminacións que padecemos as mulleres en todos os lugares do planeta, e hoxe queremos alzar as nosas voces para construír outra humanidade”.

Desde pequenas, ás mulleres “dísenos con que xoguetes debemos xogar para que os roles establecido durante séculos sigan vivos”, “edúcasenos para que busquemos o noso príncipe azul para que a nosa felicidade dependa do amor romántico e nos obrigue a estar no mundo privado, coidando do noso guerreiro”. Ademais, “dísenos que a casa é o noso territorio pero iso non é así, o mundo é o noso territorio”. Carmela Silva denunciou estas e outras situacións, como que “a prostitución se entenda como algo natural que existiu desde o principio dos tempos”, que “os corpos das mulleres se converta nunha mercadoría” ou “que sendo o 58% das persoas tituladas universitarias só sexamos o 20% dos consellos de administración das grandes empresas”.

“Vai consentir a sociedade que isto aconteza? Non se vai erguer contra as violencias machistas?”, reivindicou a Presidenta. “Temos que seguir dicíndolles ás nosas nenas que non vaian soas pola noite? Soportar os autodenominados piropos? Dicir que certos acosos son normais? Todas esas cousas, ata as pequenas, son en realidade grandes”, sinalou Carmela Silva. “Porque temos que seguir soportando as violencias machistas, os insultos, os malos tratos e os asasinatos?”, asegurou a Presidenta.

“Rompe. Xoga en Igualdade” permanecerá no Pazo provincial ata o 8 de marzo e percorrerá toda a provincia “para ser un berro permanente de denuncia, de posicionamento”. Carmela Silva cualificouna como “a acción máis potente” de todas as desenvolvidas pola Deputación de Pontevedra e lembrou que está enmarcada nos actos que organiza a institución provincial ao abeiro do 8 de marzo, día no que, anunciou, “todas as deputadas faremos folga 24 horas e imos renunciar ao noso salario, porque a outras mulleres tamén llo van descontar e queremos ser como todas”. Mulleres como “Clara que cobra 375 euros a media xornada como operadora; María que deixou o seu traballo para poder coidar da súa filla de dous anos; ou Raquel que, tras traballar toda a vida na explotación gandeira familiar, de coidar a casa, criar catro fillas e atender ao seu pai e á súa nai, cobra 255 euros dunha pensión non contributiva porque nunca optou á titularidade da explotación”, como lembrou a deputada provincial Eva Vilaverde. Pola súa banda, as creadoras Isabel Blanco e Irene Silva sinalaron que “buscamos cambiar as regras do xogo” contando con bonecas “unha historia que se converteu en arte nun acto de compromiso e de sensibilidade”.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies