spot_img
InicioPontevedra e ÁreaO Sexto Edificio acolle "A Beleza Oculta" primeira exposición do Museo de...

O Sexto Edificio acolle “A Beleza Oculta” primeira exposición do Museo de Pontevedra comisariada por nenas e nenos 

sexto-edificio-acolle-beleza-oculta-primeira-exposicion-do-museo-pontevedra-comisariada-nenas-e-nenosOs trece nenos e nenas de primaria que comisarían a mostra estarán presentes na inauguración, que terá lugar ás 18 horas do venres 16 no Sexto Edificio

“Nesta exposición non veremos cadros pintados polos nenos e nenas participantes no proxecto, e atoparemos poucos cadros nos que aparezan cativos, porque desde o principio fuximos do evidente: unha exposición feita por nenas e nenos con temática infantil” aseguran as integrantes de Taller Aberto, o colectivo que coordinou o programa no que participaron un total de 13 rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos co obxectivo de coñecer, analizar, e crear unha exposición propia a partires da colección permanente do Sexto Edificio. Desde o pasado mes de outubro e en sesións semanais, as trece crianzas participaron no primeiro programa educativo destas característica que acolle o Museo de Pontevedra. A exposición que, tal e como estaba previsto, foi incluída no programa de exposicións temporais do ano 2018 do Museo, será inaugurada o vindeiro venres ás 18 horas e permanecerá aberta ata o 11 de marzo.

Baixo o título “A beleza oculta” amosaranse 18 pezas escollidas polos 13 comisarios e comisarias, procedentes dos fondos permanentes do Museo. “Reflexionando sobre o concepto da beleza chegamos ao tema arredor do que xira esta mostra: a beleza oculta en roupaxes grises, en invernos fríos e en latas oxidadas. A beleza que xurde nos pequenos detalles cotiáns que cada autor ou autora decidiu contar”. Así explican as representantes de Taller Abierto o título escollido e as motivacións que o xeraron. Aseguran, ademais, que tamén intentaron fuxir da mera exposición cronolóxica “porque iso xa está magnificamente formulado polo Museo”.

A montaxe, que se está realizando neste momento polo persoal técnico do Museo, articúlase en tres seccións: espazo, tempo e corpo, co referente da beleza oculta. Trátase de pezas de moi diversa procedencia en canto a estilos e épocas e reflicte o proceso de análise e reflexión que os rapaces e rapazas foron culminando desde o inicial “isto gústame, isto non me gusta” ata chegar a unha proposta expositiva ben fundamentada.

Con esta mostra, a cabalo entre o didáctico e o ambiental, tanto comisarios e comisarias como as coordinadoras buscan o mesmo que nas demais propostas do Museo: que o público visitante se emocione, se faga preguntas e formule as súas propias respostas.

O equipo de comisarios e comisarias está formado por Antía González Arias, Clara Prado Barros, Emilio Basanta Vázquez, Guillermo Lariño Salaberri, Inés Fariña González, Iria Flavia Mesa Zaldívar, Manuela Alfaro Manovel, Manuela Sendín Caneda, Nicolás Rozas Martínez, Nuria García González, Pablo Paz Dias, Pelayo Mesa Zaldívar, e Quique Muiños Couto.

- Publicidade -spot_img