spot_img
InicioGaliciaRianxo acolle a Gala do piragüismo 2016 organizada pola FEGAPI

Rianxo acolle a Gala do piragüismo 2016 organizada pola FEGAPI

rianxo-acolle-a-gala-do-piraguismo-2016-organizada-pola-fegapi

Na gala celebrada no auditorio municipal de Rianxo foron premiados os catro padexeiros dos Xogos de Río: Óscar Carrera, Rodrigo Germade, Teresa Portela e Cristian Toro

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na Gala do Piragüismo Galego organizada pola Federación Galega de Piragüismo (FEGAPI) e na que se entregaron os premios da tempada 2016. Alí, a máxima responsable do deporte galego a nivel autonómico gabou ao piragüismo como “patrimonio de Galicia e deporte nacional galego”.

Galicia é a comunidade con maior número de licencias deportivas en piragüismo con 3.754 e conta con 61 clubs con actividade

Nas súas verbas, Marta Míguez apostou por unha liña de colaboración e coordinación entre todos os actores do tecido deportivo galego para que sigan mellorando os números que demostran o “crecemento e proxección” do piragüismo. Nesta liña destacou que Galicia é a comunidade con maior número de licencias deportivas en piragüismo con 3.754 e que conta con 61 clubs con actividade. Co obxectivo de manter esta situación, a secretaria xeral destacou o papel da Xunta que destina máis de 350.000 euros á Federación Galega de Piragüismo a través dos seus convenios, sendo esta a federación que máis investimento recibe do Goberno galego desde 2009. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte destinou 22.742 euros en 2016 aos 14 piragüistas de alto nivel ao abeiro do Programa Río, sendo 56 padexeiros galegos os que teñen a consideración de deportistas de alto nivel.

Tras facer un percorrido polos grandes padexeiros e padeeiras que ten dado Galicia ao longo dos anos, desde que Luis Gregorio Ramos Misioné acadara dúas medallas olímpicas nos Xogos de Montreal 76 e Mosocova 80 e ata chegar á figura de David Cal con cinco metais olímpicos, Marta Míguez destacou a importancia dos catro padeeiros galegos -Óscar Carrera, Rodrigo Germade, Teresa Portela e Cristian Toro- que estiveron nos Xogos de Río acadando tres diplomas olímpicos e unha medalla de ouro e que recibiron as distincións de accésit a mellor padexeiro, mellor piragüista feminina e mellor deportista masculino respectivamente. A secretaria xeral apuntou que “todos eles teñen un común denominador: son campións e son galegos”.

No entanto, a titular de Deporte subliñou a importancia dos outros galardóns que premian o traballo do deporte base, dos adestradores, dos clubs, das competicións, dos árbitros ou dos colaboradores porque, como aseverou a secretaria xeral “o deporte non é so gañar, o deporte é adestrar e ser adestrado, é compartir, é vivir por algo, é ser xusto, é sacrificarse por un e polos compañeiros, e sobre todo, o deporte é axudar”.

Premiados Gala 2016

Ademais dos catro padexeiros presentes nas Olimpíadas de Rio, na gala celebrada no auditorio municipal de Rianxo entregáronse outros premios por parte da xunta directiva da FEGAPI. A mellor promesa masculina recaeu nas figuras de David Barreiro e Manuel Ochoa, mentres que á mellor promesa feminina foi para Camila Morison e Natalia García así como Ainoha Lameiro. David Costa Bouzada recibiu a distinción de mellor adestrador e Miguel García o premio honorífico ao mellor adestrador. O Club Piragüismo Breogán do Grove e O Penedo foron premiados co galardón de mellor club. O 50 aniversario do descenso do Eume levou o premio á mellor regata do ano e o Trofeo Princesa de Asturias a mención especial á mellor regata. Lucía Fernández Espiño foi designada como a mellor árbitro da tempada. Ademais, Santiago Leyenda Villar foi homenaxeado polo seu labor de fotógrafo en todas as competicións; a Brilat levou o premio ao mellor colaborador e o Grupo La Región foi destacado como mellor medio de comunicación.

Ao longo da gala tamén se entregaron os trofeos aos clubs gañadores das ligas provinciais, de kaiak polo, augas bravas, kaiak de mar, liga de veteranos, liga infantil, liga cadete, liga júnior e liga sénior, así como aos medallistas internacionais de 2016.

PREMIADOS GALA FGP-TEMPADA 2016

- Publicidade -spot_img