spot_img
InicioBaixo MiñoA reurbanización da rúa Casal Aboy suporá unha mellora substancial desta rúa...

A reurbanización da rúa Casal Aboy suporá unha mellora substancial desta rúa de Tui

reurbanizacion-da-rua-casal-aboy-supora-unha-mellora-substancial-desta-rua-tui

A reurbanización da rúa Casal Aboy mellorando as súas condicións de habitabilidade tanto para os veciños coma para os que transitan pola mesma é o obxectivo do proxecto de humanización que se vai executar na mesma cun orzamento de 299.679,19€. Este foi un do proxectos para os que onte en pleno se aprobou habilitar crédito con cargo ao remanente de Tesourería.

No proxecto que se vai executar o peón pasará a ter o protagonismo coa construción dunha praza alongada na que os vehículos quedarán nun segundo plano.  A proposta recolle a creación dun novo perfil na rúa, totalmente accesible, na que as beirarrúas se amplían e transforman coa colocación de bancos, pérgolas e elementos vexetais. Dunha banda contémplase unha ampla zona peonil na beirarrúa mais comercial, mantendo na outra – onde está o novo centro de saúde – unha zona de aparcamento en liña. Ao tempo crearanse tamén novos espazos de encontro para a cidadanía.  Recóllese unha calzada dun so carril de 3,25 metros.

Onte tamén se aprobou habilitar crédito, por importe de 180 mil euros, para a ampliación, renovación do alumeado e mellora da eficiencia enerxética no conxunto histórico de Tui no que se contempla a substitución das actuais luminarias por outras tipo led. Esta actuación redundará tanto na mellora das condicións de vida e na zona, coma tamén suporá un importante aforro enerxético, e contribuirá a posta en valor das rúas de intramuros que veñen de ser peonalizadas. O proxecto recolle tamén alumeado ornamental na contorna da Catedral, o mosteiro das Clarisas, e nos túneles do casco vello.

Tamén se habilitou un crédito de 31.702€ para a redacción dun estudo de viabilidade e dun anteproxecto para a construción dun aparcamento no subsolo da traseira Área Panorámica, deixando en superficie unha zona verde.  Mentres 146.672,64€ serán destinados á adquisición do recinto aduaneiro situado na Avenida de Portugal, a carón da vella Ponte Internacional para establecer alí un aparcadoiro para caravanas ou outros usos.

Por outra parte preto de 200 mil euros do remanente de tesourería terán por obxectivo a reforma do edificio municipal situado a carón do vello centro de saúde na rúa Camilo José Cela, e case 88 mil serán para a reforma do edificio situado na Baixada ao Embarcadoiro onde ten a súa sede o club Náutico San Telmo.

A corporación municipal deu o apoio unánime ao ditame para habilitar crédito con cargo ao remanente de tesourería para todos estes proxectos.  Mentres foi aprobado por oito votos a favor do equipo de goberno, co voto de calidade do alcalde, a proposta da alcaldía de destinar preto de 268 mil euros para o arranxo da estrada de Sambad en Malvas, e máis de 657 mil euros para a reforma e ampliación do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez.

Este último proxecto ten por obxectivo a reforma do actual edificio, que data de 1987, e que presenta problemas de condensación, humidades por capilaridade, fisuras e gretas en fachadas, e falla de illamentos térmicos.  A proposta a executar buscará abrir a zona de adestramento, na planta baixa, ao Miño, cun sala de espera, entrada lateral, acceso adaptado, almacén de piraguas, e vestiarios. Mentres, no primeiro andar que aumentará en volume, plantéxase a zona administrativa, crearase unha zona de fisioterapia, sala de descanso, zona de sauna, hidromasaxe, crioterapia e vestiarios, e se manterá a zona de ergómetros. O edificio contará con novas entradas de luz natural e toda a fachada será revestida dunha “pel” que lle dará homoxeneidade e a integrará no entorno.

 

 

- Publicidade -spot_img