spot_img
InicioGaliciaRécord histórico de medallas do piragüismo galego no Campionato de España de...

Récord histórico de medallas do piragüismo galego no Campionato de España de Inverno

Lara Feijóo -podio K1 Xuvenil Feminino

Os deportistas galegos que se desprazaron á capital andaluza sumaron dezasete metais no XLIX Campionato de España de Inverno junior, sub23 e senior, que se celebrou nas instalacións do CEAR na illa da Cartuxa en Sevilla.

Este campionato de inverno deu boa mostra do potencial galego, durante todo o campionato os padeeiros autonómicos demostraron que Galicia é unha potencia a nivel nacional, conseguindo dezasete medallas, das cales sete foron de ouro, cinco de prata e cinco de bronce.

Foi na categoría xuvenil onde máis se viu a superioridade galaica, das oito posibles medallas de ouro, sete viaxan para terras galegas. Manuel Fontán e María Pérez ambos do Náutico O Muiño en C1, Carla Frierio do Club As Torres en K1 conseguiron a medalla de ouro. Mentres que Xoel García do Kaiak de Foz en K1 e María da Pena da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra en C1 levaron a prata, ademais todos eles proclamáronse vencedores na categoría sub 17. Mentres Lara Feijóo do Kayak Tudense conquistou dúas medallas de prata en K1 xuvenil e sub 17. Un éxito sen precedentes que garante o futuro do piragüismo galego durante moitos anos.

Como non podía ser menos a categoría sub 23 tamén nos deixou varias preseas. Daniel Durán do Kayak Tudense levou o triunfo C1, mentres que David Barreiro do Náutico Rodeira chegou en terceira posición. Pola súa banda a canoa feminina deixounos outras dúas medallas que foron parar ás mans de Lorena Cardona do Fluvial de Lugo e Andrea Vázquez do Piragüismo Rías Baixas, estas dúas deportistas cruzaron a liña de meta en primeira e segunda posición. O mellor galego na final de K1 foi Iago Monteagudo do Club Naval de Pontevedra, o novo padeeiro loitou polo ouro e a prata nun longo sprint tendo que conformarse cunha excelente medalla de bronce.

Na final da canoa masculina o Club Breogán do Grove demostraba o seu potencial conseguindo os tres primeiros postos do podio. Tono Campos que reaparecía neste campionato despois da ausencia o ano anterior, proclamábase campión de inverno por diante de Diego Romeu e Noel Domínguez, mentres que Manuel Garrido do Kayak Tudense seguiríalles en cuarta posición, a mesma sorte que correron os seus compañeiros de equipo Emilio Llamedo e Tania Fernández en K1 senior. Pola súa banda, Antía Jácome E. P. Cidade de Pontevedra, na súa primeira participación na categoría absoluta conquistou a medalla de bronce en C1.

Polo que respecta ás regatas de Paracanoe Galicia cultivou dúas medallas máis. Elena Naveiro do Breogán do Grove conseguiu o ouro, mentres que Adrián Mosquera do Piragüismo Rías Baixas conseguía a prata.

 

- Publicidade -spot_img