spot_img
InicioGaliciaA RAG homenaxea a Luz Pozo Garza no seu aniversario

A RAG homenaxea a Luz Pozo Garza no seu aniversario

rag-homenaxea-luz-pozo-garza-no-seu-aniversario“A RAG celebrou esta tarde a homenaxe a Luz Pozo Garza co gallo do seu 95 aniversario. Autenticidade, elegancia e beleza” definen a obra e a persoa de Luz Pozo Garza, salientou o presidente, Víctor F. Freixanes

A palabra de Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) e a música, tan presente tamén na súa vida e na súa obra, brillaron esta tarde na Real Academia Galega na homenaxe que a institución organizou para lle render tributo á escritora co gallo do seu 95 aniversario. A decana dos poetas galegos en activo, que leva oito décadas creando versos, ingresou en 1950 na RAG como  correspondente e é desde 1996 membro de número. “Autenticidade, elegancia e beleza” foron as tres palabras escollidas polo presidente da institución, Víctor F. Freixanes, para retratala na apertura do acto. Autenticidade, dixo, “polo que conta” na súa poesía, capaz de reflectir os sentimentos que explican a condición do ser humano; elegancia, física e mental, porque Luz Pozo Garza é unha muller intelixente coa que se pode contar, que sabe escoitar aos demais e que o futuro se constrúe entre todos; e beleza pola súa capacidade de expresión e comunicación, que a fai quen de “poñer todo en fermosas palabras nas que ás veces un verso explica o mundo”.

Luz Pozo Garza pertence á chamada Promoción de Enlace entre a xeración do 36 e os poetas da primeira posguerra. Empezou a publicar poemas sendo aínda moi nova, en Las Riberas de Eo, e en 1949 publicou o seu primeiro libro, Ánfora. Tres anos despois, en 1952, saíu do prelo o primeiro escrito en galego, O paxaro na boca, cun erotismo feminino inédito na escena galega do momento e co que colleitou de novo excelentes críticas. Instalada definitivamente na lingua do país desde mediados dos 70, o seu último libro ata o momento é Rosa tántrica (2016) e segue a traballar nun novo título, Pazo de Tor. Ademais dos dezaseis poemarios que leva publicados (unha ducia en galego, un bilingüe e catro en castelán), cómpre destacar o seu labor como impulsora da poesía creando e dirixindo as revistas Nordés e Clave Orión, a súa importante achega crítica, que inclúe os libros que dedicou a Luís Pimentel e Álvaro Cunqueiro, e o seu maxisterio como catedrática de literatura no ensino secundario.

Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés, Olga Patiño, Eva Veiga, a académica Marilar Aleixandre e os académicos Xosé Luís Franco Grande, Manuel Rivas recitaron e comentarán dez dos seus poemas. Salvador García-Bodaño non puido participar e no seu lugar leu o poema que escollera, un inédito, a condutora do acto, a académica correspondente Olivia González.

O serán deste 21 de xullo avanzou co recitado de dez poemas da homenaxeada na voz doutros tantos poetas de distintas xeracións que explicaron o porqué das súas escollas e o significado persoal da obra de Luz Pozo Garza. A compañeira e os compañeiros da Academia Marilar Aleixandre, Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño e Manuel Rivas, quen foi tamén alumno dela nas clases de literatura do instituto Monelos da Coruña; Xosé María Álvarez Cáccamo e Pilar Pallarés, novos poetas cando publicaron en Nordés; Eva Veiga e Olga Patiño, que se visibilizaron como poetas ao tempo que tomou o relevo do facho poético outra xeración, e Yolanda Castaño e Olga Novo, parte desas novas voces que emerxeron a mediados dos anos 90, fiaron así versos de Concerto de outono (1981), Prometo a flor de loto (1992), As arpas de Iwerddon (2004) e Rosa tántrica (2016) xunto a un poema inédito (elixido por Salvador García-Bodaño).

Todos estes textos e os seus comentarios aparecen recollidos no volume editado pola RAG co gallo do 95 aniversario de Luz Pozo Garza, Un pozo de luz, coordinado pola académica correspondente Olivia Rodríguez, quen conduciu o acto. O opúsculo, co que se agasallou o público, inclúe tamén as olladas sobre a obra de Luz Pozo Garza que achegaron o poeta e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética, Claudio Rodríguez Fer, e o académico Xesús Alonso Montero; así como os tres poemas da homeaxeada dedicados a Rosalía de Castro que foron interpretados, sobre a partitura creada para eles polo compositor e profesor violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia Gabriel Bussi, na voz da soprano Patricia Rodríguez Rizo acompañada do Quinteto Cimarrón.

“Unha poeta do amor con maiúsculas”

Xesús Alonso Montero definiu a Luz Pozo Garza como unha “poeta do amor con maiúsculas”. “Na súa extensa e dilatada obra poética, Luz constrúe, esencialmente, un peculiar universo amoroso que, dun xeito ou doutro, sempre ten que ver con ela ou sempre abrolla das súas experiencias, ensoñacións ou lembranzas amorosas”, salientou o académico. “Decenas e decenas de poemas, desde bastante nova ata hoxe, son incursións luminosas e reveladoras nese universo, ás veces atravesadas por acento místico, nunca retórico nunha muller que en ningún momento perdeu o sentido relixioso da existencia, nun ser humano para quen é natural a dimensión sagrada de certos aconteceres”, engadiu. Xesús Alonso Montero deteuse nunha das súas obras, Medea en Corinto (2002), poema polifónico no que profundou no camiño da poesía dramática por encarga dos latinistas Andrés Pociña e Aurora López, e no que galeguizou o mito grego. Nel, Medea soña coas Illas Cíes, o escenario dalgúns dos recordos máis felices dos momentos que a autora compartiu co seu grande amor, o tamén poeta Eduardo Moreiras.

Para Claudio Rodríguez Fer, se por algo se caracteriza a poesía de Luz Pozo Garza é pola “luminosidade carnal e espiritual dunha poeta metade erótica e metade mística”. A súa é “unha poética simbolista da totalidade, astralmente expresada no título radiante da súa poesía galega reunida: Memoria solar”, engadiu. O crítico realizou un percorrido por distintas obras da autora, desde Ánfora e O paxaro na boca, pasando polas obras dunha “idade de madura plenitude galaica e amorosa en lingua galega e en clave moi vital”, representada por Concerto de outono (1981) e Códice Calixtino (1986); e ata títulos como Prometo a flor de loto (1992), libro elexíaco dedicado a Eduardo Moreiras; As vodas palatinas (2005), “unha poesía leal, real e trascendente do amor vivido, revivido e compartido máis alá da morte”; Sol de medianoche (2014), un diálogo coa súa neta falecida; Ribadeo, Ribadeo (2002), a “expresión lírica” da “chamada da terra e da mar orixinarias”; ou Rosa tántrica (2016), “un sublime diálogo con Borges na procura dunha iluminación mística e dunha transcendencia integradora que cifran a conxugación de vida e poesía características da autora”.

INTERVENCIÓN DE LUZ POZO GARZA

A propia Luz Pozo Garza foi quen pechou o acto con palabras de afecto a todas as persoas que encheron o salón de actos da RAG. “Que sería de Luz Pozo Garza se non houbera unha Real Academia Galega que a acollera con tanto amor e cariño?”, empezou a poeta, que se referiu á súa decisión de instalarse como poeta en galego. “Todas as linguas son boas, fermosas, necesarias pero distintas, porque a través delas interpretamos o mundo, o pensamento. Galicia acolleume con este cariño da Academia e xa son de Rosalía”, engadiu emocionada tras lembrar os anos da infancia na que o seu pai lle lía verso da escritora fundacional das letras galegas.

- Publicidade -spot_img