spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPotenciar a gastronomía dos camiños xacobeos, obxetivo da nova edición de "Degusta...

Potenciar a gastronomía dos camiños xacobeos, obxetivo da nova edición de “Degusta Europa”

potenciar-a-gastronomia-dos-caminos-xacobeos-obxetivo-da-nova-edicion-de-degusta-europaO alumnado dos CIFP Carlos Oroza e Manuel Antonio prepararán tapas a partir do vindeiro mércores 26 de abril con produtos de seis mercados municipais da provincia

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá en rolda de prensa a segunda edición de “Degusta Europa”, co lema “A gastronomía dos Camiños”, no que o alumnado dos dous centros de formación de hostalería máis importantes da nosa provincia elaborarán tapas con produtos adquiridos esa mesma mañá en seis mercados municipais dos concellos da provincia. A diferenza do ano pasado, no que se conmemorou a efeméride do Día de Europa (9 de maio), esta nova edición ten como fío condutor os Camiños Xacobeos que transcorren pola provincia de Pontevedra e vén encadrado na estratexia para 2017 do destino Turismo Rías Baixas.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou o “importante investimento económico” que deixarán estas accións “para o desenvolvemento do comercio local”

Con esta acción, resaltou Carmela Silva, “queremos potenciar os nosos produtos locais, elaborando tapas en directo con produtos que imos mercar ese mesmo día nos Mercados nos que se realizan as degustacións” (cuxos menús aínda non están pechados) e, ademais, “recuperar a imaxe dos mercados da nosa provincia e dar a coñecer a labor que realiza o alumnado dos CIFP Carlos Oroza e Manuel Antonio, poñendo en valor a importancia da formación”. Os concellos escollidos son os de Baiona, O Grove, Pontevedra, Soutomaior, Tui e Vigo xa que “todos eles son puntos dos diferentes Camiños da nosa provincia: o Camiño portugués tradicional, o Camiño portugués da costa, a Ruta do Mar de Arousa e o Río Ulla e a Ruta do Padre Sarmiento”, sinalou a Presidenta provincial.

Do mesmo xeito, Carmela Silva puxo en valor “o enorme investimento económico que imos deixar nestes mercados, contribuíndo ao desenvolvemento do comercio local” e, ademais, convertendo os mercados “nun polo de atracción turística, principalmente para os e as peregrinas que atravesan as Rías Baixas nos seus Camiños cara a Santiago” para “que merquen e degusten os nosos produtos, que poidan vivir a vida dun mercado tradicional como os das Rías Baixas que son un sinal de identidade da nosa provincia, onde se expón o noso produto”, sinalou Carmela Silva. De feito, este ano “Degusta Europa” encádrase nunha das catro liñas de acción principais da estratexia da campaña do Destino Turismo Rías Baixas para o exercicio 2017, isto é: os Festivais Rías Baixas e demais eventos culturais que teñen lugar na provincia (“razóns para desfrutar”), o enoturismo con Cambados como protagonista ao ser este ano a Cidade Europea do Viño (“razóns para saborear”), a calidade dos establecementos turísticos a través do distintivo SICTED e os Camiños de Santiago (“razóns para camiñar”).

A Presidenta provincial lembrou que “esta foi unha das actividades que realizamos o ano pasado para conmemorar o Día de Europa como unha experiencia piloto que amosou ser un éxito rotundo, por iso decidimos este ano continuar con este proxecto”. Carmela Silva salientou que “o ano pasado servíronse arredor de 10.000 tapas nos mercados de Bueu, Caldas, Cambados, A Guarda, Pontevedra e Vigo e contamos con milleiros de visitantes”.

As quendas de “Degusta Europa” 2017 son as seguintes: o mércores 26 no Mercado do Progreso de Vigo (de 12:00 a 13:00 horas), o xoves 27 no Mercado de Tui (de 12:00 a 13:00 horas), o mércores 3 de maio no Mercado de Baiona (de 11:00 a 12:00 horas), o venres 5 no Mercado de Pontevedra (de 11:00 a 12:00 horas), o xoves 11 no Mercado do Grove (de 11:00 a 12:00 horas) e, por último, o xoves 12 no Mercado de Soutomaior (de 12:00 a 13:00 horas). As tapas dos mercados de Vigo, Tui e Baiona serán elaboradas polo alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo e, as de Pontevedra, O Grove e Soutomaior, polo alumnado do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra.

 

 

- Publicidade -spot_img