Un paso máis na mellora da seguridade do Camiño Primitivo 

paso-mais-na-mellora-da-seguridade-do-camino-primitivoA Xunta de Galicia mellora a seguridade en 16 puntos de estradas da provincia de Lugo que percorren os peregrinos do Camiño Primitivo.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ven de adoptar medidas de seguridade viaria en 16 puntos correspondentes a tres estradas autonómicas polas que atravesan os peregrinos que percorren o Camiño Primitivo.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, supervisou os resultados nun dos tramos que presenta maior risco para os peregrinos, o da estrada LU-530 ao seu paso por Carballido, no municipio da capital, onde se ven obrigados a percorrer 1,5 quilómetros pola beiravía. Neste punto, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) instalou dúas sinais luminosas -unha en cada sentido da marcha- advertindo da presencia de peóns na estrada, así como bandas transversais de alerta -as coñecidas como bandas sonoras-.

En xeral, as actuacións consistiron na colocación de sinais ordinarias de advertencia de perigo, reforzando a sinalización xa existente. Nalgúns puntos tamén se adaptou a velocidade máxima permitida e, nos de peor visibilidade, instaláronse bandas transversais de alerta sobre o pavimento, para que os vehículos reduzan a velocidade.

As intervencións localízanse en cruzamentos entre o Camiño Primitivo e as estradas autonómicas LU-701, LU-232 e a citada LU-530. O obxectivo é reducir os riscos de accidente ou atropelos e mellorar a convivencia entre os peregrinos que empregan esta ruta e os vehículos.

Para concretar os detalles da actuación, os técnicos da AXI realizaron un estudo pormenorizado dos 120 quilómetros do Camiño Primitivo ao seu paso pola provincia de Lugo, entre O Acevo (A Fonsagrada) e Palas de Rei, analizando todas as interseccións con estradas autonómicas, as condicións de visibilidade, a distancia de freado e as condicións de sinalización e situación dos pavimentos.

Despois deste análise, advertiuse a necesidade de mellorar a seguridade en dez puntos do municipio da Fonsagrada, tres en Lugo, dous en Castroverde e un en Baleira.

Así, mellorouse a sinalización nas interseccións da LU-701 co Camiño en Fonfría, Barbeitos, Silvela e Paradanova, núcleos do municipio da Fonsagrada. Polo que respecta á LU-530, melloráronse dous cruces en Padrón, outros tantos en Caserío Veiga, e os de Xestoso de Riba e A Calzada, na Fonsagrada; en Baleira o cruce do Monte da Matanza; en Castroverde as interseccións á entrada e á saída do casco urbano, e no concello de Lugo as de Carballido e Manzoi. Por último, actuouse na intersección da LU-232 coa Louzaneta, en Lugo.

Esta actuación realízase con cargo ao orzamento destinado á conservación ordinaria das estradas, e despois de que o delegado territorial da Xunta se reunira hai un mes co presidente da Asociación Provincial de Amigos do Camiño de Santiago, Ángel Trabada, entidade que demandaba a adopción destas medidas para reforzar a seguridade dos peregrinos.

Ao respecto, cabe engadir que tamén se está a desenvolver un convenio entre Turismo de Galicia e o Ministerio de Fomento polo que as dúas administracións acordaron impulsar traballos específicos para a mellora da seguridade viaria nos puntos de cruzamento entre o Camiño Francés e as estradas estatais e autonómicas.

Premios Camiño de Santiago

Na visita aos traballos realizados participou tamén Ángel Trabada, circunstancia que o delegado territorial aproveitou para felicitar á entidade que representa por ter merecido un premio de Turismo de Galicia, dotado con 5.000 euros, polo seu labor a favor das rutas xacobeas na provincia.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies