spot_img
InicioVal MiñorBaionaOs mundialistas Wizner e Ameneiro colócanse na cabeza do Trofeo Baitra que...

Os mundialistas Wizner e Ameneiro colócanse na cabeza do Trofeo Baitra que se celebra en Baiona

Os campións do mundo de 420, Martín Wizner e Pedro Ameneiro, do Real Club Náutico de Vigo, lideran o Trofeo Baitra tras a primeira xornada de probas, celebrada esta tarde en Baiona baixo a organización do Monte Real Club de Yates e o patrocinio de Baitra Accesorios Navais.

A tripulación de mundialistas junior, ambos da xeración do 2001, empezaron algo frouxos, cunha terceira posición na primeira manga, pero moi pronto colleron o ritmo da competición e sentenciaron a xornada inaugural con dous primeiros postos e cinco puntos no marcador.

Moi pegados a eles, a apenas dous puntos de distancia, quedaron os seus compañeiros de club, Guillermo Núñez e Jorge Enríquez, que saíron á auga con moitas ganas, dispostos a revalidar a vitoria conseguida na anterior edición.

Completa o podio provisional, con 11 puntos na clasificación, a tripulación formada por Jacobo García e Antoni Ripoll, do Real Club Náutico de Sanxenxo, que son, ademais, primeiros na categoría sub 17; e moi pegados a eles, con 13 puntos, atópanse Alejandro Pérez e Iago García, do náutico vigués.

Vigo e Sanxenxo pelexan polo podio dun Trofeo Baitra que celebrou esta tarde na baía baionesa a súa xornada inaugural con moi boas condicións, nun día frío pero asollado e cun vento que permaneceu establecido desde os primeiros momentos, soprando do norte cuns 10 nós de media.

Tras unha saída errada e chamada xeral, a frota completou tres probas duns 40 minutos de duración cada unha delas nun campo trapezoidal delimitado por aboias. As mangas foron definindo o podio provisional e os clubs de Vigo e Sanxenxo coparon os postos de honra.

O Trofeo Baitra finaliza mañá domingo en Baiona coa segunda e última xornada de probas a partir das once da mañá. As previsións indican que haberá menos vento que hoxe, pero o comité de regata espera poder dar saída a outras tres mangas, nun campo de regatas similar ao de hoxe.

Unha vez finalice a competición na auga, as instalacións do Monte Real Club de Yates acollerán a entrega de premios aos gañadores, á que asistirá o xerente de Baitra, Juan Carlos González, como patrocinador do evento; o alcalde de Baiona, Anxo Rodal; o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; e varios directivos do club anfitrión.

TROFEO BAITRA DE VELA LIXERA · CLASIFICACIÓN PRIMEIRA XORNADA

  1. Martin Wizner y Pedro Ameneiro · Real Club Náutico de Vigo
  2. Jorge Enríquez y Guillermo Núñez · Real Club Náutico de Vigo
  3. Jacobo García y Antonio Ripoll · Real Club Náutico de Sanxenxo
  4. Alejandro Pérez y Iago García · Real Club Náutico de Vigo
  5. Manuel Lorenzo y Guillermo Rodríguez · Real Club Náutico de Sanxenxo

 

 

- Publicidade -spot_img