Os tres alcaldes presentaron hoxe a acción formativa ante os 15 alumnos-traballadores seleccionados, que cobrarán o salario mínimo interprofesional
Os alcaldes dos tres concellos do Val Miñor asistiron hoxe á inauguración do novo obradoiro de emprego “Valiemprega Xove”, adicado á ‘Promoción turística local e información ao visitante’ e que se desenvolverá en Gondomar durante seis meses.
A acción formativa é froito por vez primeira dunha sinerxia entre os tres municipios (ao marxe da Mancomunidade) para solicitar unha subvención ao respecto. Así, das tres solicitudes plantexadas á Consellería de Economía, Emprego e Industria a inicios de ano se concedeu únicamente 130.784,85 € (cofinanciado polo Fondo Social Europeo) para este proxecto no que os tres concellos aportan a súa vez 10.578 € . En total, hai 15 alumnos-traballadores dos tres municipios (un deles de Oia ao quedar unha praza dispoñible) que cobrarán o salario mínimo interprofesional e que contan cun máximo de 30 anos de idade (un dos requisitos era estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil).
“Os tres concellos, asesorados dende os respectivos técnicos de emprego, unímonos para pedir este proxecto de especial interese para a nosa comarca, xa que o turismo é unha das nosas principais fontes de riqueza e, por tanto, de traballo”, sinalou o alcalde de Nigrán e presidente da Mancomunidade, Juan González, na presentación do mesmo no Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar.
Entre os obxectivos deste novo obradoiro está promover e comercializar destinos turísticos locais, xestionando servizos de información turística e participando na creación, comercialización e xestión de produtos e servizos turísticos do entorno local, empregando en caso necesario a lingua inglesa.
“É un obradoiro que busca a inserción no mercado laboral destes 15 mozos pero que, ao mesmo tempo, seguro que beneficia aos tres concellos a hora de promover mellor o seu atractivo turístico”, resumiu González.