spot_img
InicioPontevedra e ÁreaO proxecto“Practicum Depo 2015” unha oportunidade para realizar prácticas formativas no...

O proxecto“Practicum Depo 2015” unha oportunidade para realizar prácticas formativas no estranxeiro

A Deputada de Emprego, Montse Magallanes, asegurou durante a xornada de presentación que este proxecto é unha ponte entre a formación e a experiencia laboral

 Esta mañá a Deputada de Emprego, Montse Magallanes, asistiu á xornada de presentación destinada aos 11 alumnos e alumnas que viaxarán a Cork (Irlanda) no mes de setembro grazas ao proxecto de mobilidade “Practicum Depo 2015”, integrado no programa europeo Erasmus+. Grazas a cada bolsa, estes 11 mozos e mozas permanecerán seis meses no país británico facendo prácticas nos ciclos de formación profesional en Comercio,  Instalacións Eléctricas e Automáticas, Sistemas Microinformáticos e Redes e, por último, Administración e Xestión. A xornada levouse a cabo no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra.

A Deputada asegurou que “ides iniciar unha experiencia que vos vai posibilitar ampliar os vosos coñecementos tanto no ámbito formativo como no da experiencia laboral”, xa que lembrou que “este proxecto é unha ponte entre ambas as dúas”. Ademais, residir nun país estranxeiro lles servirá tamén para “adquirir coñecementos lingüísticos, moi importante nestes momentos” e para “incrementar a vosa capacidade humana. Estamos a percibir que, ao saír da casa e do país, o alumnado do Practicum Depo volve cun nivel de madurez moito maior”, afirmou. Ademais, Montse Magallanes asegurou que “calquera medio que poidamos achegar as institucións públicas no eido da formación e da adquisición de experiencia laboral da mocidade son cartos ben invertidos” (o pasado mes de xuño aprobouse o “Practicum Depo 2016” cun orzamento de preto de 800.000 €) e amosou a súa “satisfacción” polo interese destes mozos e mozas “na vosa formación” e nun programa que “vos vai permitir obter mellores habilidades de cara ao emprego”.

Os 11 alumnos e alumnas durante a xornada recibiron formación, por parte do persoal técnico da Deputación, sobre a documentación necesaria para realizar as súas prácticas, teléfonos de interese, os seus obrigas e dereitos como bolseiros e bolseiras e demais información necesaria para poder formar parte do programa de mobilidade. Entre outros aspectos, salientaron a necesidade de obter a tarxeta sanitaria europea ou a realización dunha proba de nivel previa á viaxe, que se cotexará con outra proba que realizarán unha vez rematen as súas estadías e permitirá ver a súa mellora idiomática.

Lembramos que o alumnado que participa neste proxecto recibe unha axuda para os gastos de viaxe, que varía en función do destino e neste caso se sitúa en 275 €. Ademais, tamén se lles achega unha axuda de apoio individual para gastos de aloxamento, manutención e transporte local, que neste caso vai dende os 5.359 € ata os 8.931 € en función do período de estancia.

Trátase esta da terceira quenda de alumnado que participa neste programa “Practicum Depo 2015”, do que xa gozaron 41 mozos e mozas da provincia nunha primeira quenda (en concreto, 25 estudantes estiveron en Belfast e outros quince repartidos nas localidades  italianas de Corigliano Calabro, Terranova de Sibari e Cori) e outros 26, correspondentes á segunda quenda, están na actualidade coa súa estadía no estranxeiro. Ademais destas 11 bolsas, que foron aprobadas este mes na Xunta de Goberno da institución provincial, a terceira quenda completarase con outras 45 bolsas pendentes de adxudicar.

O proxecto “Practicum Depo 2015”, enmarcado no programa europeo Erasmus+, é unha oportunidade de formación no estranxeiro para alumnado de formación profesional que lles proporciona a estes mozos e mozas as habilidades necesarias para pasar do ámbito da educación e da formación ao mercado laboral.  Os e as estudantes que participan no “Practicum Depo 2015” poden realizar prácticas formativas no estranxeiro, mellorar as competencias lingüísticas nunha lingua estranxeira e, ademais, implementar as súas competencias vinculadas ao seu perfil profesional.

- Publicidade -spot_img