O programa de innovación ‘Comercio innova’ arrinca na Guarda con 8 establecementos participantes

«Comercio innova»O programa de innovación comercial «Comercio innova» desenvolverase ata finais de xuño coa implantación dun plan de mellora individualizado.

A campaña de dinamización comercial, impulsada polo Concello da Guarda, comeza esta semana a traballar con 8 establecementos comerciais da vila co obxectivo de axudalos a optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.

«Comercio innova» defínese como un programa de acompañamento para a innovación dirixido ao pequeno comercio local. A través deste proxecto, os comercios adheridos poderán participar nun plan de acción individualizado no que contarán co asesoramento dunha experta, que avaliará e deseñará un plan de acción á medida da situación e realidade de cada negocio.

Un total de 8 establecementos comerciais -dedicados á venda de produtos téxtiles, informáticos ou farmacéuticos, entre outros- participan nesta primeira edición do proxecto, que comeza estes días a desenvolver a primeira das súas tres fases principais. Neste punto, os negocios participantes no programa recibirán a visita dun «cliente misterioso» que valorará aspectos como a imaxe da tenda, a benvida ao cliente ou a calidade do servizo.

A raíz desta primeira toma en contacto e durante a vindeira semana, a consultora Mariem Filgueira realizará un encontro con cada un dos comerciantes, na que analizarán de forma conxunta aspectos como o control de gastos, o impacto da imaxe de marca e a adecuación dos produtos ou servizos ofrecidos ás necesidades do entorno. Este análise servirá de base para o establecemento dun plan de acción, do que se fará seguimento intensivo durante un mes.

A finais de xuño, os responsables dos comercios participantes e a consultora valorarán o impacto das medidas de mellora e optimización adoptadas. Nesta derradeira fase de avaliación, poderán achegarse novas fórmulas para acadar os resultados desexados, de xeito que os e as participantes podan seguir mellorando o seu negocio tras a finalización do programa.

Esta primeira edición de «Comercio innova» rematará o 27 de xuño coa celebración dunha mesa redonda na que todos os establecementos participantes poderán compartir a súa experiencia e valorar os seus resultados. A campaña contará co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos 2018.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies