spot_img
InicioO SalnésArousaO Pazo da Deputación de Pontevedra acolle a presentación da Final Feminina...

O Pazo da Deputación de Pontevedra acolle a presentación da Final Feminina da Copa Deputación

pazo-da-deputacion-de-pontevedra-acolle-a-presentacion-da-final-feminina-da-copa-deputacion

O Atlético Arousana de Vilagarcía e O Olivo de Vigo disputarán a final o vindeiro mércores, 22 de xuño, ás 21 h. no campo de fútbol de Santa Mariña en Redondela

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto coa deputada de deportes, Chelo Besada, a Presidenta do Atlético Arousana de Vilagarcía, Arancha Ruíz, o Presidente do Olivo de Vigo, Juan Carlos Padín, e as capitás de ambos equipos, presentaron esta mañá no Pazo Provincial a final feminina da Copa Deputación.

O Atlético Arousana de Vilagarcía e a Federación Viguesa de Peñas Recreativas O Olivo disputarán a final da Copa Deputación de fútbol feminino o vindeiro mércores despois dun torneo entre 21 equipos, divididos entre a zona de Pontevedra e a de Vigo, celebrado entre os meses de abril e maio.

A final terá lugar o mércores 22 de xuño ás 21:00 en Redondela. A entrada será de balde e realizarase un sorteo de regalos entre as persoas asistentes. Ao encontro están convidados todos os equipos femininos que participaron na Copa Deputación, así como as escolas deportivas municipais da provincia.

A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, manifestou a súa “enorme alegría porque son unha firme defensora do deporte e das mulleres no deporte, mulleres que cada día están a ocupar máis espazo e están a demostrar que son unhas grandísimas deportistas”.  Nesta liña, Silva asegurou que esta final “é moito máis que un partido, é un compromiso, e por iso animo a que todas as pontevedresas e pontevedreses vaian a esta gran final porque estar en Redondela ese día significa apoiar ó fútbol e apoiar ás mulleres no deporte”. Amais, a Presidenta da Deputación felicitou ós clubs por ter unha sección feminina e fixo un chamamento para “que todos os clubs teñan unha sección feminina de fútbol, porque as mulleres temos que estar en todos os lugares e, ademais, cando estamos demostramos que somos unhas campioas”.

A Presidenta do Atlético Arousana, Arancha Ruíz, manifestou a súa felicidade por ter chegado á final tras gañar a fase de Pontevedra e subliñou que “estamos moi orgullosas de chegar ata aquí por segundo ano consecutivo, esperamos gañar outra vez”.

Pola súa banda, Juan Carlos Padín, Presidente do Olivo, destacou que “presentámonos por vez primeira a este torneo, xa que en outros anos coincidíanos co play-off de ascenso, así que imos intentar gañalo por riba  de todo”.

Os dous equipos finalistas son referentes no fútbol feminino galego. As mozas do Olivo veñen de quedar campioas de liga da Segunda División Nacional Feminina por quinta vez na súa historia. Veñen de disputar a fase de ascenso á Primeira División, pero quedaron fóra na primeira eliminatoria. Aínda así, cabe lembrar que si lograron estar na elite do fútbol feminino na tempada 2011-12 cando competiron na Primeira División, converténdose no único equipo galego feminino que o logrou.

Pola súa banda, o Atlético Arousana vén de quedar cuarto na mesma liga da Segunda División. Agora opta ademais a revalidar o título en disputa, xa que o ano pasado foron as gañadoras da Copa Deputación na súa primeira edición feminina. O equipo das arousás aspira tamén este ano a facerse coa Copa Federación ou Galicia, para a que tamén son finalistas.

 

- Publicidade -spot_img