O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o día 26 a xornada “Infancia e adolescencia: Unha cara oculta da violencia de xénero”

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o día 26 a xornada “Infancia e adolescencia: Unha cara oculta da violencia de xénero"Organizado pola Deputación, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo, o evento terá lugar o día 26 no Pazo da Cultura e ofrecerá a visión de expertas sobre as repercusións das violencias machistas na infancia e adolescencia e sobre as ferramentas para a súa prevención e intervención

Este luns abriuse o prazo de inscrición para participar na xornada “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero”, organizada pola Deputación, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo, e enmarcada na Escola de Igualdade María Vinyals. Será coordinada pola profesora María M. Álvarez Lires e forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo a través do cal se acordou impulsar actividades que representen unha mellora para a sociedade, entre as que se sitúa a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a loita contra as violencias machistas.

Deste xeito, a xornada que terá lugar o vindeiro 26 de maio ao longo da mañá e da tarde no Pazo da Cultura de Pontevedra, afondará na problemática das violencias machistas, un problema que afecta non soamente á muller senón tamén ás nenas e nenos que a presencian. Por estes motivos, a través de “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero” vanse dar a coñecer os resultados dun traballo de investigación, incluído no proxecto REDES da Universidade de Vigo, relativo a diferentes aspectos da violencia machista exercida sobre a infancia e a mocidade. Tamén se pretende ofrecer a visión de diversas expertas nos ámbitos da psicoloxía, educación, saúde, xustiza e do mundo asociativo sobre esta problemática, así como proporcionar elementos de debate e ferramentas para a prevención e intervención.

A xornada comezará ás 9.30 coa benvida institucional. A continuación, Ángeles Parrillo ofrecerá unha conferencia para dar a coñecer o proxecto REDES da Universidade de Vigo e posteriormente terá lugar o panel de presentación do microproxecto “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero” no que participarán Azucena Arias, Daisy Alcalde e Iria Vázquez. A última conferencia da mañá, ás 12.00 h., será a cargo de Sonia Vaccaro quen afondará sobre “Violencia sicaria e SAP: fillas e fillos como vítimas da violencia de xénero”.

Xa pola tarde, entre as 16 e 18 horas terán lugar catro obradoiros. Un, dirixido por Mariví Fernández Roldán, sobre “A coeducación, o camiño para a prevención da violencia de xénero”; outro, a cargo de Lola Ferriro, sobre “Crianzas maltratadas: detección e abordaxe no ámbito sanitario”; o terceiro, dirixido por Paz Filgueira, para falar sobre “Menores e violencia de xénero, tratamento interdisciplinario. Detección e actuación das administracións públicas. Apuntes sobre o Pacto de Estado” e o último dirixido por Estrela Gómez, sobre “Desmontando mitos contra nenas, nenos e adolescentes desde o eido asociativo”.

En total, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo ofertan 150 prazas para profesorado e alumnado da Universidade de Vigo, para o profesorado e persoal educativo dos centros dependentes da institución provincial, para profesorado de centros de ensino dependentes da Consellería de Educación, para as e os profesionais dos CCFFSS, persoal técnico dos Centros de Información á Muller, profesionais da sanidade, da xustiza e todas aquelas persoas interesadas no tema.

As persoas interesadas en participar en “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero” poderán formalizara súa inscrición, desde hoxe e ata o 23 de maio, a través de www.depo.gal.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies