spot_img
InicioGaliciaO Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia presenta a...

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia presenta a exposición “Camiño. A orixe”

Museo-Centro-Gaiás-Cidade-Cultura-Galicia-presenta-exposición-"Camiño. A orixe"Emprender unha viaxe que nos devolva ao minuto un, ao xermolo, á causa primixenia dun fenómeno histórico e cultural que perdura ata os nosos días: o da peregrinación. Este é o convite que realiza a Cidade da Cultura de Galicia coa exposición Camiño. A Orixe, un proxecto dirixido por María García-Alén e que presenta unha selección de 150 obras de arte e once intervencións artísticas que ofrecen unha visión contemporánea da ruta xacobea.

820 d.C. é o punto de partida desta viaxe que comeza co eremita Paio atopando a tumba do Apóstolo, a comunicación do achado ao bispo Teodomiro e o traslado de toda a corte do rei Alfonso II o Casto á que co paso dos séculos sería a Compostela actual. A través dunha montaxe rotundamente contemporánea, “Camiño, a orixe” ofrece unha selección de 150 pezas que inclúen obras mestras de grandes artistas como Alberto Durero ou Bartolomeu Esteban Murillo e outros obxectos de alto valor cultural. A Galería Uffizi de Florencia, o Museo Cluny de Francia, o Museo do Prado, Patrimonio Nacional, Museo Lázaro Galdiano, os Museos de Belas Artes de Bilbao, Murcia, Córdoba e A Coruña e, por suposto, o Museo das Peregrinacións de Santiago e a Catedral de Santiago, integran a ampla nómina de institucións que colaboran coa Cidade da Cultura nesta exposición. Camiño. A Orixe desprégase polos andares 1 e 2 do Museo Centro Gaiás dividida en tres partes: Santiago o Apóstolo, o Camiño e o Peregrino.

A exposición complétase co proxecto “Lugares Xacobeos“, once intervencións artísticas realizadas por mozos creadores da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo coas que se busca establecer un diálogo entre o trazado medieval de Compostela e o da Cidade da Cultura ideado por Peter Eisenman. A eles súmanse os alumnos das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia-Escola Pablo Picasso da Coruña, Escola Ramón Falcón de Lugo, Escola Antonio Faílde de Ourense e Escola Mestre Mateo de Santiago- para a realización de deseños xacobeos exclusivos para a mostra, que estarán expostos na tenda do Museo Centro Gaiás durante o seis meses que a mostra permaneza aberta ao público.

- Publicidade -spot_img