spot_img
InicioVal MiñorBaionaO "misterioso" boi da Fortaleza do Monterreal de Baiona

O “misterioso” boi da Fortaleza do Monterreal de Baiona

o-misterioso-boi-da-fortaleza-do-monterreal-de-baiona

Baiona sinalizará o “misterioso” boi da Fortaleza para celebrar os 520 anos da Carta Puebla dos Reis Católicos.

O Concello de Baiona, con motivo do 520 aniversario da Carta Puebla concedida polos Reis Católicos, sinalizará a misteriosa e pouca coñecida figura do “Boi” que foi descuberta nos muros da Fortaleza do Monte Real, situados sobre a praia e a horta do Frades

“En los tiempos pasados ovo guerras con gentes estranjeras recibieron mucho daño (…), que la población de la dicha villa se pasase e mudase a Monte de Buey que es junto con la dicha villa, que agora Nos mandamos llamar Monte Real porque allí estará más fuerte e más segura”.

Hai 520 anos, o 15 de xaneiro de 1497, os Reis Católicos concedían a Baiona numerosos privilexios e o Monte Boi pasaba a denominarse Monte Real. Agora, o Concello de Baiona, pretende poñer en valor aquel feito histórico grazas a unha “misteriosa” figura que foi atopada nos muros da Fortaleza e que indica, segundo as versións históricas máis aceptadas, a orixe da Real Vila.

Un artigo de divulgación escrito polo historiador baionés Anxo Rodríguez Lemos converteuse no punto de partida para que Baiona decidise promocionar a existencia da figura nos muros. En próximas datas, o Concello instalará no paseo, á altura da praia dos Frades, unha sinalización que indica a presencia do “Boi”.

Boi Baiona Fortaleza

Fronte á Praia e Horta dos Frades, ambos paraxes así denominados en lembranza daquel ano de 1541 no que Frai Juan Pascual fundou baixo a advocación de San Francisco de Asís un convento fora da muralla que acabaría sendo trasladado ao seu interior, atópase un dos símbolos principais do escudo desta vila, o boi”, explica Anxo Rodríguez.

O historiador ofrece unha serie de indicacións para atopar unha figura que a simple vista pasa desapercibida. “Unha vez na explanada de San Francisco “El Viejo”, é dicir, próximos á baixada á citada praia, debemos localizar na muralla a coñecida como Porta do Pozo pola que se accedía ás hortas extramuros. Vendo cara a esquerda e contando dende a garita  sobre a citada porta unhas trinta y seis almenas cara nosa esquerda, atoparemos, aínda malparado polo tempo e por algunha reconstrucción en cemento, ao noso animal”, relata.

Segundo asegura o Rodríguez Lemos, unha mala interpretación do topónimo “Monte do Boi” fixo que se tomasen como Armas da Vila “un nauio y un buey” e que figurasen no seu escudo. “O navío, tradicionalmente vinculado á chegada da carabela Pinta en 1493 fai referencia para outros á frota que partiu de portos cantábricos e atlánticos baixo o mando de Paio Gómez Chariño en 1247 cara a toma de Sevilla. Se as embarcacións vinculan co mar, o boi, para case todos os autores responde ao antigo nome da península”, apunta.

Estudosos como Antonio Taboada Táboas vincularon o Monte do Boi baionés cunha dificultosa relación co pobo celta de los boiis o boyos, pero fronte á crenza de que o Boi faga referencia ao animal e de aí a súa presenza no escudo, Lemos menciona a outros autores.

“A. de Almeida Fernandes e F. Silva (1995) consideran que os topónimos con boi son un nome de “origem pré-romana e significativo de penedo ou penedía”. Cabeza Quiles (1992) defende tamén esta tese, incluso para topónimos de Galicia como Boimorto, argumentando que boa parte destas denominación fan referencia a pedras e lugares rochosos. No caso baionés temos tamén unha pedra coñecida como O Boi, a beira do mar e próxima á antiga Cetárea de Serapio que, sen dúbida, foi a que serviu pola súa proximidade para coñecer a Monte do Boi como tal”, engade Rodríguez Lemos.

“Trátase dun elemento de gran valor simbólico para todos os habitantes de Baiona, posto que ese Boi fai referencia ás raíces da nosa vila e considero necesario poñelo en valor para que todos os baioneses e os nosos visitantes coñezan a historia da vila”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal.

o-misterioso-boi-da-fortaleza-do-monterreal-de-baiona
Rodal e Lemos na zona onde está situado o Boi da Fortaleza

A tradición popular en Baiona sabe da existencia da figura do “Boi” sobre a praia dos Frades e hai quen o compara coa busca da famosa ra na fachada da Universidade de Salamanca, polo que outro dos obxectivos do Concello é que todos os visitantes xoguen tamén á busca do “Boi”.

“E se Salamanca ten seu animal característico, a vila de Baiona de Miñor non podía ser menos e luce incluso no seu escudo un boi que algún canteiro, nunha das moitas reconstrucións da muralla, quixo inmortalizar nunha das súas pedras. Velo, recoñecemos que non será fácil para os nosos visitantes, pero será todo un entretemento aínda para os máis pequenos que deberán enfrontarse ao seu mimetismo fronte ao fondo grisáceo do granito”, conclúe Anxo Rodríguez Lemos

- Publicidade -spot_img