spot_img
InicioPontevedra e ÁreaO filme documental "Vigo 1972" prexectado nos barrios de Coia e Teis,...

O filme documental “Vigo 1972” prexectado nos barrios de Coia e Teis, reúne a máis de trescientas persoas

o-filme-documental-vigo-1972-prexectado-nos-barrios-de-coia-e-teis-reune-a-mais-de-trescientas-persoasA sétima edición do Primavera do Cine arrancou a principios de semana coa Mostra de Cine Brasileiro. Unha selección de catro dos mellores filmes dos últimos anos e que poñen de manifesto a gran calidade fílmica do Brasil.

Grazas á colaboración entre o Primavera do Cine co Ateneo Atlántico e tamén da Embaixada de Brasil en Madrid e a Fundación Cultural Hispano Brasileña, a participación de Brasil coma país convidado do festival comezou con gran éxito.

As películas proxectadas foron: O filho eterno de Paulo Machline, O silencio do céu de Marco, O pequeño segredo de David Schürmann e Sob pressão de Andrucha Waddington, catro exemplos da cinematografía máis actual do Brasil e que tiveron gran aceptación entre o público asistente.

Público que asistiu con gran interese e en gran número, xa que a mostra encheu a sala en cada unha das sesións programadas nos Multicines Norte, chegando a ver as proxeccións máis de 400 persoas.

Doutra banda, ó dia seguinte de rematar a Mostra de Cine Brasileiro, foi o momento da seguinte das actividades desta sétima edición do festival Primavera do Cine: o cine nos barrios.

Esta iniciativa pretendía achegar o cine a dous dos barrios máis populares da cidade olívica; Coia e Teis.

A película escollida para os dous pases foi ‘Vigo 1972’ do documentalista Roi Cagiao, unha cinta que recolle o acontecido durante a gran folga que paralizou a cidade de Vigo e a súa comarca durante dúas semanas tralo despedimento de cinco traballadores da factoría de Citroën.

A primeira proxección realizouse o venres 4 ás 21:30 no campo de futbito que separa a Avenida de Castelao da Rúa Estrada. Tras unha introdución feita polo director do filme, a película arrancaba para o auditorio improvisado para a ocasión. Entre o público houbo máis de 150 persoas que recordaron aqueles días da folga a través das entrevistas recollidas na película.

Ó día seguinte, na entrada principal dos estaleiros Vulcano e coa presenza case máxica dos guindastres de fondo, proxectouse de novo a película nun dos lugares que viviu os feitos que nela se relatan con gran protagonismo. De novo cubríronse todas as cadeiras e acudiron moitas das que foran testemuñas directas do acontecido naquel mes de setembro do 72.

Tras estas actividades, o vindeiro martes 8 de maio, dará comezo a sección oficial da VII edición do Primavera do Cine. Nesta ocasión poderanse desfrutar de ata 33 curtametraxes e 11 longametraxes, ademais do pase especial de Cabra, marcada para morrer, de Eduardo Coutinho, que se exhibirá na gala inaugural.

- Publicidade -spot_img