spot_img
InicioBaixo MiñoO Festival Play-Doc arrinca este mércores a súa edición máis aberta

O Festival Play-Doc arrinca este mércores a súa edición máis aberta

o-festival-play-doc-arrinca-este-mercores-a-sua-edicion-mais-aberta

Hoxe presentouse a XIII edición do Festival Internacional de Cine Documental de Tui, cun programa repleto de estreas mundiais, óperas primas e xoias do pasado

Play-Doc Festival Internacional de Cine Documental arrinca este mércores a súa edición máis diversa e menos compracente. Será a número 13, que chega coa novidade dun programa aberto a colaboracións, que enriquecen a proposta sen perder a coherencia nin a identidade que consolidaron o festival de Tui. Estreas mundiais, óperas primas e xoias do pasado rescatadas para a ocasión forman parte da oferta de Play-Doc, que se envorcará un ano máis no cine galego e manterá a súa coidada oferta formativa.

A nova edición de Play-Doc foi presentada este luns nunha rolda de prensa na que participaron os directores do festival, Sara García e Ángel Sánchez; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o Deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal.

Entre os días 22 e 26, Tui acollerá unha nova edición dun festival que aposta polo risco, cunha programación controvertida tanto na forma como nos contidos, no que haberá sitio para rarezas, creadores polémicos e obras censuradas. “Gozamos moito preparando esta edición, foi moi enriquecedor colaborar con outros programadores e rescatar algúns títulos que sempre quixemos compartir no festival”, destacaron os directores do evento.

Play-Doc alcanza esta nova edición coa vontade de manter o crecemento sostido que o caracteriza desde que se estreou en 2005. En todo este tempo, mantivo a súa condición de punto de encontro e plataforma de exhibición para realizadores de todo o mundo, un espazo de achegamento e celebración no que os espectadores poden gozar dun xénero emerxente como é o cine documental, que a última década experimentou un auténtico estalido de creatividade. A calidade da programación e a accesibilidade a cineastas de indiscutible prestixio son dúas das características que definen Play-Doc.

No festival convive a sección oficial, unha competición internacional cun experimentado xurado, con retrospectivas como a que este ano se dedica ao franco-canadense Dominc Gagnon, un director tan innovador como polémico do que se exhibirán cinco películas ademais da preestrea da súa última obra, e que impartirá unha masterclass e ofrecerá un programa de Cinema Direct canadense. Consolídase tamén a aposta pola creación galega, cunha sección con 12 películas que inclúe sete estreas mundiais e ofrece unha visión ampla dun cine diverso, a cargo de autores que representan distintas formas de entender o cine documental.

Play-Doc ofrece neste 2017 unha colaboración especial coa prestixiosa sala Metrograph de Nova York, cuxo director artístico e programador, Jake Perlin, presentará en Tui un ciclo de cinco películas baixo o título The Wrong Revolution. A colaboración co festival Porto/Post/Doc, que programa o clásico dos anos cincuenta On the Bowery, a sección Retratos e os talleres, seminarios e encontros programados, xunto coas actuacións, que este ano ten a Joan As Police Woman como principal atracción, completan un atractivo programa que durante cinco días encherá Tui de cine e música.

o-festival-play-doc-arrinca-este-mercores-a-sua-edicion-mais-aberta

O alcalde de Tui salientou “a paixón” que poñen os directores na organización dun evento que durante uns días converte a esta localidade na capital do audiovisual galego. “Play-Doc é unha marca que internacionaliza Tui”, subliñou. Sutil reiterou o apoio da Xunta ao evento, do que destacou tanto a súa programación internacional como a súa coidada representación do cinema galego. Por parte da Deputación, o seu responsable de cultura referiuse a Play-Doc como “un referente no campo audioviual” e enxalzou o seu “espírito crítico”.

- Publicidade -spot_img