spot_img
InicioVal MiñorNigránO festival NigranJazz, elexido finalista por terceiro ano consecutivo dos Premios Martín...

O festival NigranJazz, elexido finalista por terceiro ano consecutivo dos Premios Martín Códax da música

o-festival-nigranjazz-elexido-finalista-por-terceiro-ano-consecutivo-dos-premios-martin-codax-da-musicaO festival Nigranjazz, organizado dende o Concello de Nigrán, foi seleccionado onte á noite como finalista por terceiro ano consecutivo dos ‘Premios Martín Códax’ da música.

Este foi elexido na quinta edición xunto a Resurrection Fest (Viveiro) e o Pardiñas (Guitiriz) na categoría de mellor festival, á que se presentaron 21 candidaturas de toda Galicia. Os proxectos finalistas foron escollidos polas socias e socios de ‘Músicos ao vivo’ mediante votación online entre un total de 449 proxectos inscritos (superando á anterior edición): 397 grupos, 14 salas, 22 festivais e 16 espazos de comunicación musical. O xurado, que tamén fará as súas escollas a través do sistema de votación online, será secreto ata o final do procedemento e os gañadores daranse a coñecer o 9 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra.

“O Nigranjazz é un proxecto que comezamos hai 11 anos e que nos sitúa xa como un referente de jazz a nivel nacional”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca que dende o Concello xa se está pechando a próxima edición “mantendo o  compromiso de traer aos mellores músicos internacionais ao tempo que se lle da un espazo tamén aos galegos”. “Entre tanto certame existente con música totalmente comercial, ten moito mérito ser o único festival de jazz finalista e xa por terceiro ano consecutivo. Polo Nigranjazz desfilaron algúns dos mellores músicos do mundo e seguimos con ese compromiso de que a calidade artística prime por riba de todo,”, sinala o seu director, Felipe Villar.

Foi elexido xunto ao ‘Resurrection Fest’ e ‘Pardiñas’ entre 21 candidaturas de toda Galicia. O gañador se dará a coñecer nunha  gala en Pontevedra o vindeiro 9 de maio

O Nigranjazz é o festival máis lonxevo organizado dende o consistorio e  o único adicado ao jazz  de toda a comarca do Val Miñor. Actualmente está considerado entre músicos, afeccionados e prensa especializada como un dos mellores do noroeste peninsular debido á calidade dos artistas que nel participan. A diferenza doutros festivais,  aposta por un jazz puro, lonxano das vangardas. Sempre con entrada gratuíta, celébrase no espazo clasificado na Rede Natura do esteiro de A Foz, na Ramallosa, dende que en 2007 o impulsasen veciños de Nigrán entusiastas desta música, manténdose activos na organización co músico Felipe Villar á cabeza. Dende entón, conseguiuse achegar a Nigrán a algúns dos mellores artistas a nivel internacional, por el desfilaron, entre outros, Peter Bernstein, Gilad Hekselman, Bill McHenry, Jorge Rossy, Marteen Hogenhuis, Joe Martin, Chris Cheek ou este ano o afamado guitarrista americano Kurt Rosenwinkel.  Pero non hai que esquencer que o festival é tamén un espazo para os cada vez máis e mellores músicos de jazz galegos, así, é xa tradición que se integren nas formacións internacionais músicos locais, compoñendo agrupacións en exclusiva para o evento e dando a oportunidade aos músicos de aquí de presentar os seus traballos. Compre destacar que o Nigranjazz outorga tamén especial relevancia á relación galaico-portuguesa, consagrando algunha edición unicamente a elo e invitando sempre a artistas lusos a participar.

A permanencia en Nigrán ao longo destes anos  xerou un especial interese  por esta música na comarca, congregando cada vez a máis público no esteiro de A Foz: fieis seguidores que non faltan dende a primeira edición e veciños e turistas que cada vez fan máis multitudinario este evento, alleo por completo á música comercial.

Finalmente, compre mencionar outro dos signos de identidade do festival, que é o concurso de carteis de cada edición, adicado ao veciño de Nigrán Quin Alborés, deseñador gráfico e organizador do Nigranjazz ata a súa morte. Tamén hai que suliñar a master-class que tradicionalmente imparte o conxunto estrela ou as distendidas jam-sessions posteriores aos concertos..

- Publicidade -spot_img