spot_img
InicioPontevedra e ÁreaO exame para mestre composteiro da Deputación reunirá a 443 aspirantes no...

O exame para mestre composteiro da Deputación reunirá a 443 aspirantes no pavillón de deportes de Príncipe Felipe

Ribadumia amplía o número de composteiros a todas as persoas que se inscribiron no programaO exame para acadar unha bolsa de mestre composteiro da Deputación de Pontevedra reunirá o vindeiro 30 de novembro a 443 aspirantes. No día de hoxe publicouse a listaxe definitiva de admitidos, que inclúe a catro novos candidatos que emendaron o defecto que motivara a súa exclusión (achegar a titulación esixida, o certificado de nivel de lingua e a tarxeta de demandante de emprego/mellora de emprego).

A proba realizarase no pavillón de deportes de Príncipe Felipe. Os aspirantes, logo da súa identificación mediante un código, sentaranse nas gradas e disporán dun máximo de dúas horas (dende as 9.00 horas) para contestar a 100 preguntas tipo test.

Haberá un modelo único de exame e a orde das cuestións decidirase aleatoriamente mediante un sistema informático momentos antes da entrada para evitar filtracións das solucións. O exercicio contestarase de xeito anónimo e será corrixido automaticamente con plantiñas electrónicas. Logo desta proba os aspirantes pasarán unha entrevista persoal, que se utilizará a xeito de desempate no caso de cualificacións parellas.

O presidente do tribunal cualificador será o xefe de servizo do Servizo de Asistencia Intermunicipal (SAIM) do organismo provincial, Gabriel Rodríguez; a secretaria a técnico de Emprego e Formación María Chaves; e a vogal, a técnico provincial de Medio Ambiente, María Martínez Abraldes.

compostaxe

Dos aspirantes que presentaron a súa solicitude para participar no proceso de selección  foron inicialmente excluídos 57 -un 8,6% do total- por diferentes motivos (22 por ter finalizados os estudos antes do ano 2002, dez por non achegar o certificado do nivel de lingua galega correspondente, nove por non achegar a titulación esixida na convocatoria, cinco por presentarse fóra de prazo, catro por ter disfrutado dunha bolsa segundo o establecido nas bases, outros catro por non achegar a tarxeta de demandante de emprego/mellora de emprego e tres por non achegar a fotocopia do DNI en vigor ou documento que o substitúa).

Os 20 aspirantes con mellores cualificacións no test e na entrevista pasarán a unha nova fase de selección: un curso de formación intensivo de seis semanas con expertos recoñecidos no sector e profesores universitarios convidados. Deles só se contratarán inicialmente ós mellores dez.

A remuneración dos bolseiros que acadarán a titulación de mestre composteiro correrá a cargo da Deputación durante un período de seis meses prorrogables a outros seis meses máis nunha contía de 1.400 euros ao mes (cos gastos de desprazamento incluídos). O seu traballo consistirá no mantemento dos centros de compostaxe comunitario que instalará a Deputación nos concellos da provincia, así como no asesoramento e divulgación do sistema entre os veciños que se teñan comprometido a participar no Plan Compost.

- Publicidade -spot_img