spot_img
InicioO MorrazoCangas do MorrazoO Club de Mar Ría de Aldán Irmáns Gandón, despide a tempada...

O Club de Mar Ría de Aldán Irmáns Gandón, despide a tempada dando todo o seu apoio a Teresa Portela

o-club-de-mar-ria-de-aldan-irmans-gandon-despide-a-tempada-dando-todo-o-seu-apoio-a-teresa-portela

O Club de Mar Ría de Aldán Irmáns Gandón, despide a tempada ao grande coa organización da ‘Semana Olímpica’ na que, ademais de celebrar os bos resultados deste ano, dará todo o seu apoio á súa padeeira máis famosa, Teresa Portela, que disputa en Río os seus quintos Xogos Olímpicos.

O programa iniciarase o domingo, día 14, ás 11 da mañá, na baía de Aldán co ‘Trofeo K4-C4 Piragüismo Concello de Cangas’, competición enmarcada dentro da Súper Liga Galega de Ríos e Travesías, sendo de grupo I.

O mesmo domingo, ás 4 da tarde, desde o Porto de Aldán, ante as instalacións do Club, darase a saída á ‘Regata Social Todos ao Mar’, á que están convidados, ademais de todos os deportistas do club, de todas as categorías, os seus familiares e os socios. Xuntos faranse á mar para remar e demostrar que no Ría de Aldán non só son bos padeeiros quen compite nos campionatos de Galicia, de España, Europeos, Mundiais e nos Xogos Olímpicos, senón que todos teñen clase e categoría.

O luns 15, colocarase unha pantalla xigante na sede do Club de Mar para que aquelas persoas que queiran achegarse poidan seguir en directo o debut de Teri Portela nas Olimpíadas de Río, nunha proba na que é das mellores do planeta: do K1 200 metros.

Ao día seguinte, martes 16, no mesmo lugar e, como o luns, suxeito ao horario dos Xogos Olímpicos de Río, todos os seguidores de Teri terán a oportunidade de volver apoiala, esta vez na final da proba que se disputa ese día e na que a padeeira do Club de Mar Ría de Aldán pode colgarse a súa primeira medalla olímpica, tras as 31 logradas en campionatos de Europa e do Mundo.

O xoves, día 18, ás 5 da tarde, os integrantes do Club de Mar acudirán ao Aeroporto de Peinador a recibir a Teri Portela á súa volta a casa tras a súa participación nos JJOO. Ao día seguinte, venres 19, en Aldán, ás 9 e media da noite, esta deportista excepcional recibirá a homenaxe e o recoñecemento dos seus paisanos, os seus compañeiros e das autoridades locais, provinciais e galegas.

Finalmente, ese mesmo día, ás 11 da noite, no Peirao de Aldán, empezará o ‘Olimpic Fest’ coas actuacións de Jaider White, Dr.Bellido, A Ricura, Guillermo Castro, Quatro de Abril, DJ Charlie, Adrián Mesu, Braulio GZ e Diego Mei.

- Publicidade -spot_img