spot_img
InicioVal MiñorNigránO Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (Cinae) inicia unha nova etapa...

O Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (Cinae) inicia unha nova etapa coa contratación do seu primeiro director xeral

Zona Franca

A contratación dun director xeral, o enxeñeiro da Axencia Espacial Europea Antonio Castro e a captación de fondos públicos e privados dan un novo impulso ao Cinae

O centro agarda a resolución de varias convocatorias europeas ás que solicitou preto de cinco millóns de euros

O Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, Cinae, inicia unha nova etapa coa contratación do seu primeiro director xeral e a sinatura dos seus primeiros contratos con entidades públicas e privadas, ao tempo que agarda a resolución de varias convocatorias europeas ás que concorreu na procura de fondos. O reitor da Universidade de Vigo e presidente do padroado da Fundación Cinae, Salustiano Mato, e a delegada do Estado na Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, deron conta este mediodía no Centro de Negocios do parque empresarial de Porto do Molle das últimas novidades do centro, cuxo padroado celebrou hoxe unha reunión.

Salustiano Mato confirmou a contratación do enxeñeiro barcelonés da Axencia Espacial Europea, ESA, Antonio Castro García como director xeral do Cinae, ao que se incorporará a tempo parcial as vindeiras semanas. Con 28 anos de experiencia profesional no sector aeroespacial Castro comezou traballando en comunicacións por satélite en Telefónica e posteriormente en misións de espazo profundo e interplanetarias no Jet Propulsion Laboratory da NASA en California e desde 1998 traballa na Axencia Espacial Europea, onde desempeñou o seu labor principalmente no centro tecnolóxico de ESTEC en Holanda, e tamén no ESRIN, en Roma, e no Centro Espacial de Toulouse da Axencia Espacial Francesa (CNES). Actualmente desenvolver a súa actividade no centro de operacións da ESA (ESOC) en Darmstadt, Alemaña. Tras ser parte do equipo que deseñou o sistema de navegación Galileo, neste intre traballa na operación deste sistema, onde xestiona os dous centros de control (GCC) do sistema localizados en Munich e Roma. Castro, que colaborou co equipo do investigador e docente da Universidade de Vigo Fernando Aguado nos proxectos Xatcobeo e Humsat, “ten experiencia sobrada como tecnólogo e científico e é un luxo telo aquí para deseñar e desenvolver o plan estratéxico do centro”, asegurou Mato, que destacou o traballo realizado por Castro como xestor de proxectos e contratos de ámbito mundial por un importe de ata 200 millóns de euros, ao tempo que destacou que a súa experiencia e carteira de contactos permitirá “abrir internacionalmente o centro e dar músculo ao sector empresarial que se está a introducir no mundo aeronáutico e aeroespacial”.

Primeiros contratos privados e fondos públicos

A sinatura do primeiro contrato cunha empresa privada e dun contrato programa coa Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, Gain, foron outros dos fitos destacados por Mato e Pedrosa en relación co Cinae. O Centro xa asinou un contrato coa empresa catalá Aistech co obxectivo de dar soporte e consultoría para o rexistro de frecuencias e a obtención de licencias para a misión Aistechsat2 e, neste intre, negociase outro contrato con esta mesma empresa para a integración dun satélite que se operaría desde o Cinae. Caso de materializarse este acordo, o importe de ambos os dous contratos con Aistech ascendería a 355.000 euros.

Doutra banda, o Centro asinaba recentemente coa Xunta un contrato programa para os anos 2016 e 2017 por un importe de 160.000 euros e que contempla a potenciación de liñas estratéxicas de investigación para promover a excelencia científico-técnica; formación, captación e retención de talento e programas nacionais e europeos de I+D+i e proxectos colaborativos con empresas e axentes de investigación. Un acordo, que en palabras do reitor da Universidade de Vigo, “supón un importante impulso para o centro”.

Mato tamén lembrou a participación do Cinae no proxecto Pinaet da convocatoria europea Poptec para a creación dun polo aeronáutico en Galicia e o Norte de Portugal, así como nos proxectos Kronos e Polares dentro do programa Feder Interconecta e a solicitude dunha convocatoria de Unidade Mixta coa empresa Aistech para a integración dun satélite demostrador que incorpora a recepción da posición de avións (ADS-B) e capacidade de comunicación bidireccional con terminais en terra, convocatorias cuxa resolución aínda non se produciu e que ascenden a preto de cinco millóns de euros.

A alianza estratéxica Zona Franca-Universidade de Vigo

Na súa comparecencia ante os medios, previa á celebración da reunión do padroado, Pedrosa e Mato deixaron constancia do frutífero da alianza entre Zona Franca e Universidade. “Estamos conseguindo ser atractivos para o sector. Hoxe é un día importante tras un ano de traballo sementando os vimbios e agora temos contratos e imos actualizar os equipamentos do centro segundo as necesidades dos que están traballando dentro”, sinalou Pedrosa, que lembrou que na actualidade Porto do Molle acolle e sumará en breve empresas vinculadas co sector aeronáutico e aeroespacial como Delta Vigo, Inaer ou Marine Instruments.

A delegada do Estado na Zona Franca de Vigo tamén incidiu na importancia de actuar con sentido común, estudando as necesidades existentes e non duplicando infraestruturas que xa existen noutros centros tecnolóxicos e empresas da área de Vigo. Neste sentido, Salustiano Mato avogou pola lealdade e a xenerosidade institucional, así como pola transferencia de coñecemento á sociedade, “que aínda que pode descapitalizar á universidade no curto prazo e non conta nos ránkings, ten un efecto multiplicador no crecemento da economía e no mundo real”.

Reunión co alcalde de Vigo a próxima semana sobre o futuro da ETEA e o pago do IBI

Salustiano Mato confirmou que o vindeiro martes 11 de outubro reunirase co alcalde de Vigo, Abel Caballero, para abordar, entre outras cuestións, o pago do Imposto de Bens Inmobles e o futuro dos terreos da ETEA. En relación co IBI, e despois da sesión plenaria celebrada o pasado luns na que o grupo municipal socialista rexeitou unha moción do PP que propoñía bonificar un 95% do pago do imposto á Universidade, Mato asegurou que agarda que o alcalde lle diga cal é a súa postura e lle dea unha resposta institucional.

En relación cos terreos da ETEA, o reitor asegurou que “non batallaremos. Só intentamos facer o mellor para a cidade e o proxecto de Campus do Mar é un salto cualitativo para Vigo”. Tras explicar que o retraso que se está a producir na concesión dos proxectos europeos solicitados, que superan os cinco millóns de euros, xoga a favor da institución, Mato apuntou que “o noso espírito é poñer sobre a mesa unha solución para axudar a Vigo”. Na mesma liña, Teresa Pedrosa sinalou que, “deixo as guerras para outros porque a min me gusta traballar e ver os resultados “, ao tempo que manifestou a súa satisfacción polo proxecto da Universidade. “Creo que será unha boa cousa para Vigo e non se regalan cartos a ninguén porque a ETEA e Teis están en Vigo. A nosa idea é buscar un sitio axeitado para seguir colaborando neste tema e a proposta que estaba enriba da mesa é a ETEA. Se a alguén non lle gusta que presente outra”, dixo a delegada.

- Publicidade -spot_img