spot_img
InicioBaixo MiñoO Centro Cultural da Guarda acolle a presentación da publicación “Camiños da...

O Centro Cultural da Guarda acolle a presentación da publicación “Camiños da Imaxe”

Este venres, 3 de febreiro, o Centro Cultural da Guarda abrirá as portas do seu Salón de Actos para acoller a presentación da publicación “Camiños da Imaxe” a partir das 20’30 horas.

Trátase dun libro que inclúe a obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, obra que xa foi exposta ao público nunha exposición do mesmo nome que estivo na Casa dos Alonsos o pasado verán, con gran éxito de asistencia.

Na presentación deste libro estará o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal e Ricardo Silva como portavoz da familia de Costiña. Ademais a presentación estará ao cargo de Xurxo González Rodríguez e Beli Martínez, de Proxecto Socheo, comisariados da exposición do verán.

Neste evento presentarase unha publicación que recolle a obra do fotógrafo e filmógrafo guardés Costiña, pioneiro do cinema guardés, do que foron atopados e dixitalizados os seus filmes familiares realizados entre 1926 e 1929, que supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.

A presentación irá seguida da proxección destes filmes de Costiña, nos que se poden ver paisaxes locais como a costa, o monte, o Porto e incluso a chegada da flota pesqueira ó Berbés (Vigo); así como escenas da vida cotiá protagonizadas pola familia do fotógrafo, especialmente polas súas fillas Joaquina e Celia. A proxección estará acompañada por unha interpretación musical do pianista e compositor Karolis Biveinis.

Con este acto completarase unha completa semana de actividades realizadas en torno á obra de Costiña e que é resultado dunha inquedanza mostrada dende o concello da Guarda, tras a exposición que tivo lugar no verán, para realizar un esforzo por dar a coñecer a obra de Costiña a tódolos guardeses e guardesas.

o-centro-cultural-da-guarda-acolle-a-presentacion-da-publicacion-caminos-da-imaxe

Con este obxectivo durante esta semana traballarase cos colexios de primaria da vila nos que Xurxo, de Proxecto Socheo, impartirá unha unidade didáctica aos alumnos dos colexios para que coñezan a obra de Costiña e a importancia do autor guardés. A vindeira semana tamén se continuará esta labor de difusión coa proxección das imaxes nas asociacións de Avelaíña e San Xerome, así como na Residencia da 3ª Idade e en Centros da E.S.O.

Ademais, o mesmo día da presentación do libro volverá a estar aberta ao público a exposición “Camiños da Imaxe”, que permanecerá no Centro cultural ata o sábado 18 de febreiro. Poderá ser visitada de luns a venres en horario de mañá, de 10 a 13 horas, ou de tarde, de 17 a 20 horas. Os sábados só en horario de mañá.

Deste xeito os guardeses e guardesas que non puideron acudir á exposición no verán  teñen unha nova oportunidade de coñecer as fotografías e imaxes de Costiña e aqueles que xa a viron poderán volver a desfrutar da excepcional obra dun guardés ilustre.

- Publicidade -spot_img