spot_img
InicioBaixo MiñoO Castelo de Santa Cruz da Guarda albergará ata o 2 de maio a...

O Castelo de Santa Cruz da Guarda albergará ata o 2 de maio a colección de esculturas «Nado en pedra»

o-castelo-de-santa-cruz-da-guarda-albergara-ata-o-2-de-maio-a-coleccion-de-esculturas-nado-en-pedraRepresentantes da Escola de Cantería de Pontevedra e do Concello da Guarda acudiron ao Castelo de Santa Cruz na mañá do pasado sábado, 24 de marzo, para inaugurar a exposición escultórica «Nado en pedra», elaborada por alumnos do centro.

Ao acto de inauguración asistiron a concelleira guardesa e deputada provincial de Emprego, Montserrat Magallanes, que desculpou a ausencia de Carmela Silva por cuestións de axenda; a directora da Escola de Cantería, Concepción López Paz; o director técnico e mestre escultor da mesma, Enrique Velasco; o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba,  e outros membros da Corporación municipal.

Segundo destacou a deputada provincial, a exposición itinerante busca realzar o valor da formación que se imparte no centro, dependente da Deputación de Pontevedra, así como por en valor o tradicional oficio da cantería, «un labor que no século XXI tamén ten moito futuro», asegurou.

Enrique Velasco describiu máis polo miúdo o traballo que se desenvolve na Escola, e froito do cal nace esta exposición. Nela, 18 pezas de gran tamaño amosan algúns dos oficios tradicionais máis senlleiros da nosa terra, coa o de ferreiro, costureira ou canteiro, ademais doutras estampas da vida cotiá dunha época marcada pola emigración.

O rexedor local, pola súa parte, aproveitou a ocasión para loar o traballo dos escultores e o «magnífico entorno» que ofrece o Castelo de Santa Cruz para gozar do seu traballo. Facendo referencia a isto último, Antonio Lomba propuxo a fortaleza como destino último das esculturas unha vez rematada o seu percorrido polos concellos pontevedreses.

A exposición permanecerá nos xardíns do Castelo de Santa Cruz ata o 2 de maio. Poderá visitarse entre as 10:00 e as 20:00 horas de luns a domingo.

Escola de Cantería de Pontevedra

A Escola de Cantería de Pontevedra comezou a súa actividade en 1979 e, dende 1982, depende da Deputación de Pontevedra. O centro desenvolve as súas actividades como un taller de traballo artesanal en pedra, no que se combinan ensinanzas teóricas e prácticas. Entre os seus obxectivos atópanse os de estimular a vocación artística para o desenvolvemento da artesanía no sector e conservar e promover o patrimonio da arquitectura tradicional da escultura popular.

 

Os traballos do alumando e os profesores teñen deixado por todo o mundo pegada do patrimonio arquitectónico popular de Galicia (dende cidades coma Nova Iorque e Bos Aires ata Alemaña), así como a realización de hórreos e outras obras que locen en varios puntos de España e o estranxeiro.

 

- Publicidade -spot_img