spot_img
InicioO SalnésO CAAN da Armenteira conseguiu recuperar a Blanca, unha cadela en estado...

O CAAN da Armenteira conseguiu recuperar a Blanca, unha cadela en estado moribundo tras mes e medio de atencións

o-caan-da-armenteira-conseguiu-recuperar-a-blanca-unha-cadela-en-estado-moribundo-tras-mes-e-medio-de-atencions

O  Centro de Acollida e Protección Animal (CAAN) da Armenteira viviu nas últimas semanas un dos casos mais alarmantes e conmovedores da súa historia: a entrada de Blanca e os seus cachorros.

Os traballadores do centro trasladáronse a As Neves por un aviso para recoller un animal, pero a súa sorpresa foi maiúscula cando descubriron a unha cadela extremadamente delgada, ferida ao estar presa dun lazo furtivo e que tiña unha camada de cachorros ao seu coidado.

Blanca foi trasladada urxentemente ao centro xunto cos seus cachorros para poder atendela axeitadamente. Os veterinarios dubidaban de que puidese saír viva dunha situación como a que estaba. O lazo furtivo estivera oprimindo o seu tórax incrustándose nel e provocando feridas moi graves, polo que foi necesario operala para poder pechar as de maior profundidade e mantela hospitalizada con fluidoterapia e tratamento médico durante un mes e medio.

O dano causado a Blanca non foi unicamente físico, senón que o seu carácter esquivo e asustadizo poñía de manifesto o sufrimento emocional ao que fora exposta. Esta situación, se cabe, agravábase aínda máis posto que Blanca tiña ao seu coidado uns cachorros de días aos que en ningún momento abandonou nin privou de cariño e atencións.

Dado o estado de Blanca foi necesario axudala na crianza dos seus cachorros, evitando en todo momento separala dos mesmos, e favorecendo así a súa recuperación emocional. Finalmente, e grazas á perseveranza e ganas de vivir que transmitía, chegou o día en que se pode  dicir que está xa recuperada e volve a confiar nas persoas, podendo ser entregada en adopción a un propietario responsable, xunto aos seus tres cachorros.

Segundo manifestaron os traballadores e voluntarios do CAAN, a historia desta cadela é, sen dúbida, unha das máis sorprendentes das que se poden atopar no seu labor diario no centro de recollida de animais.

Catro casos

O caso de Blanca é o cuarto caso dun can recollido no CAAN preso dun lazo furtivo.  Esta trampa é un método de caza ilegal feito cun arame de aceiro delgado e moi duro que atrapa ao animal e que, cando este trata de escapar, se estreita. O resultado é que o zorro, can, xabaril, corzo ou peza queda afogada polo pescozo ou pillada polo tronco ou as patas.

Esta práctica xa foi denunciada polo CAAN noutras ocasións dada á gravidade das lesións que produce e á afección que pode causar tanto sobre os animais domésticos como sobre a fauna silvestre. Os veterinarios do centro lembran que se trata dun delito tipificado no Código Penal e que pode levar unha pena de prisión de un a tres anos, así como a inhabilitación do dereito a cazar.

A adopción, un acto xeneroso

No CAAN agardan manter a resposta xenerosa da xente que está realizando as adopcións no centro de acollida, posibilitando unha mellor vida para os cans recollidos e abandonados. Son máis de 1.000 as adopcións tramitadas ata o de agora polo centro.

As persoas interesadas poden visitar o centro, consultar a páxina web (www.caan.depo.es) ou chamar por teléfono ao 986 140 360, onde serán puntualmente informadas.

A adopción non supón ningún custe para o interesado, premiando así a decisión de adoptar fronte a de comprar un animal. Os animais adoptados no CAAN son entregados aos seus novos propietarios desparasitados, vacinados e identificados.

- Publicidade -spot_img