spot_img
InicioPontevedra e ÁreaO "Atlántico Express" une este sábado Vigo e Porto para promocionar os...

O “Atlántico Express” une este sábado Vigo e Porto para promocionar os #RíasBaixasFests

o-atlantico-express-une-este-sabado-vigo-e-porto-para-promocionar-os-riasbaixasfestsO tren celta que une Vigo coa urbe portuguesa encherase de música, gastronomía e de profesionais das novas formas de comunicación que virán coñecer as Rías Baixas

 O tren xa leva 130 prazas vendidas, os billetes pódense adquirir nas billeteiras e tamén a través da páxina web de Renfe

O tren “Atlántico Express”, que unirá este sábado as cidades de Vigo e Porto para promover os 8 + 1 “Festivais Rías Baixas” que patrocina a Deputación de Pontevedra xa está a piques de completar as súas prazas. Deste xeito, xa se venderon preto de 140 das 185 prazas tanto de ida como de volta da viaxe. Ata que se complete o aforo, os billetes seguen á venda tanto na páxina web de Renfe, www.renfe.es, como en calquera das billeteiras.

As persoas asistentes poderán asistir a un espectáculo de música da man dalgúns e algunhas das artistas que van actuar nos distintos #RíasBaixasFests da provincia de Pontevedra. Deste xeito, durante os traxectos actuarán no “Atlántico Express” a banda Basanta, o músico Tincho Fernán, a cantautora galega Najla Shami e a francesa Mounqup. Deste xeito, a oferta musical do tren inclúe a dúas mulleres, dentro da aposta da Deputación de Pontevedra pola visibilización das mulleres artistas.

Ademais, todas as persoas que viaxen no #AtlanticoExpress (que será o hashtag oficial desta acción, ademais de #RiasBaixasFests) poderán desfrutar dunha degustación de produtos galegos: viño albariño, da man da bodega do Salnés Pazo de Villarei, a Queixería Cobideza da comarca de Deza (cuxa mestra queixeira Berta González será a encargada de ofrecer a degustación), as marmeladas de Amorodo conservas ecolóxicas e tamén Roscón de Caldas, un dos produtos de repostaría máis característicos da súa comarca.

Ademais da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, asistirán tamén alcaldes, alcaldesas e representantes dalgúns dos concellos onde se desenvolven os “Festivais Rías Baixas” e outros destinos turísticos da provincia de Pontevedra, como Vigo, Caldas, O Grove, A Guarda ou Gondomar. Xunto a elas e eles viaxará un grupo de influencers, blogueiras e blogueiros e instagrammers tanto da provincia de Pontevedra como de Porto, entre elas e eles os e as promotoras e compoñentes de comunidades desta rede social como #igersspain, #igerspontevedra e #igersvigo ou de blogs como Vigopeques. Ademais, os e as profesionais dos novos medios de comunicación procedentes de Porto pasarán a noite en Vigo e, durante o domingo, visitarán diferentes lugares da provincia como Caldas, Cambados ou Bueu. Antes diso, ao chegar a Porto, manterán un encontro informal pola céntrica zona da Torre dos Clérigos.

O “Atlántico Express” sae este sábado 3 de xuño dende a estación de tren Vigo-Guixar ás 8:56 da mañá e ten prevista a súa volta ás 19:10 horas (horario portugués). Os “Festivais Rías Baixas” son o Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Cultura Quente (Caldas de Reis), PortAmérica (Caldas de Reis), O Marisquiño (Vigo), SinSal SON Estrella Galicia (Illa de San Simón), SonRías Baixas (Bueu), Revenidas (Vilaxoán de Arousa) e Vive Nigrán (Nigrán) ademais da acción conxunta que desenvolverán en Cambados por mor da Cidade Europea do Viño 2017.

 

 

- Publicidade -spot_img