spot_img
InicioPontevedra e ÁreaNovo ciclo de obradoiros de capacitación tecnolóxica para pequenas empresas e autónomos...

Novo ciclo de obradoiros de capacitación tecnolóxica para pequenas empresas e autónomos en Pontevedra

Novo ciclo de obradoiros de capacitación tecnolóxica para pequenas empresas e autónomos en PontevedraA Deputación de Pontevedra acaba de lanzar un novo ciclo de obradoiros de capacitación tecnolóxica co obxectivo de fomentar o uso das novas tecnoloxías e a adopción das Tecnoloxías da Información entre as pequenas empresas e autónomos da provincia, facilitándolles o acceso a diversas ferramentas tecnolóxicas que os fagan máis produtivos e competitivos no mercado.

Ata final de mes desenvolveranse 38 obradoiros de capacitación tecnolóxica nos seis puntos CPAE 2.0, situados en Lalín, Cambados, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra e Vigo.

Entre os obradoiros que se están a realizar neste mes de maio destacan os relativos á factura electrónica, nos que se lles facilitará a pequenas empresas e autónomos as ferramentas para a facturación electrónica, co conseguinte aforro en custos e a mellora da eficiencia das empresas. Tamén se facilitará o proceso para que as empresas sexan capaces de facturar electronicamente ás administracións públicas, requisito obrigatorio a partir do vindeiro 15 de xaneiro.

Noutros obradoiros abordarase, dunha forma práctica, como crear unha web de empresa en pouco tempo, como ter presenza na rede e practicar as técnicas de posicionamento en buscadores ou como traballar nas redes sociais e obter un maior número de seguidores. Tamén se explicará como utilizar eficientemente Google, Google apps for Work, así como outros recursos e ferramentas dispoñibles na rede para os negocios, o almacenamento na nube, o comercio electrónico para micropemes e as aplicacións móbiles para as micropemes.

O servizo de capacitación tecnolóxica é o máis demandado polos empresarios, xunto co servizo de información, análise e asesoramento personalizado.

Máis de 2.500 empresas atendidas polo CPAE

Desde 2014, ano no que o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0) comezou a prestar estes servizos especializados para empresas,  máis de 2.500 empresas requiriron o seu asesoramento. O 75 % destas compañías son micropemes e o 25 % restante, profesionais autónomos.

Na actualidade asesórase a máis de 936 empresas e autónomos e resolvéronse 2.511 consultas de distintas temáticas: como ter presenza na rede internet, márketing en liña, uso das redes sociais, ferramentas de xestión empresarial, comercio electrónico, certificados dixitais ou facturación electrónica

Desde a posta en marcha dos seis puntos CPAE 2.0 en Cambados, Lalín, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra e Vigo desenvolvéronse 317 eventos de capacitación tecnolóxica, con máis de 635 horas de capacitación, e asistiron 1.565 empresarios, autónomos e emprendedores.

Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 

O Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 da Deputación ofrécelles ás micropemes e autónomos un asesoramento TIC especializado, individualizado e continuado, sen custo ningún.

Na actualidade hai seis puntos CPAE 2.0, situados en Lalín, Cambados, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra e Vigo, atendidos por asesores TIC especializados. Ademais, existe unha oficina coordinadora en Pontevedra á que se derivan as consultas máis complexas e na que se xeran todos os contidos.

Ademais do servizo de capacitación tecnolóxica, a Deputación ofrece outros cinco servizos máis: información, análise e asesoramento sobre o uso das TIC; titorización na incorporación das Novas Tecnoloxías; demostración de produtos e solucións TIC; acompañamento para o uso do comercio electrónico; e procura de axudas e subvencións no ámbito tecnolóxico.

- Publicidade -spot_img