spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán aposta polo teatro na semana das Letras Galegas

Nigrán aposta polo teatro na semana das Letras Galegas

nigran-aposta-polo-teatro-na-semana-das-letras-galegasO Concello de Nigrán prepara unha semana das Letras Galegas de teatro. Aposta de novo pola compañía de rapaces e rapazas nigranenses Teatro do Ar, que con 7 anos de traxectoria xa se converteu nun habitual dos programas culturais da localidade.

O xoves 17 de maio representaran ás 19:30 horas no Auditorio Municipal  “Intres de Luz” en homenaxe a María Victoria Moreno, e o sábado 19 tamén ás 20:00 horas no Auditorio Municipal volverán a representar “Naufraxio” como xa fixeran no verán pasado.

Intres de Luz é a creación do nigranés Pedro Rodríguez. Escribiuna despois de ler a poesía completa da protagonista do Día das Letras Galegas 2018, María Victoria Moreno. Co título como homenaxe os actores reflexionaran como facía a escritora sobre a memoria, o amor e a liberdade das persoas. Dunha maneira directa tocarán temas como a violencia de xénero, a depresión e a morte.

Pola contra Naufraxio é un drama de actualidade. Nunha vila costeira, un político e un empresario especulan para a construción dun hotel que infrinxe por completo a lei de costas. Para elo, precisan do voto de Xabier, líder da oposición no Concello. Despois da súa  negativa comezará un xogo de chantaxes onde cada personaxe vivirá o seu naufraxio  particular, un momento para decidir entre seguir loitando ou deixarse afundir.

- Publicidade -spot_img