spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán adica o mes de abril ao fomento da lectura entre os...

Nigrán adica o mes de abril ao fomento da lectura entre os máis cativos

O Concello de Nigrán, en colaboración coa librería especializada en literatura infantil e xuvenil ‘Donde viven los cuentos’, adicará o mes de abril á promoción da lectura entre os máis pequenos ao tempo que festexa deste xeito o ‘Día do Libro’, que se conmemora o día 23.

Así, tódolos sábados do mes ás 12:00 horas na Praza do Concello haberá unha sesión de contacontos para os cativos e, ao mesmo tempo, o Concello ofrece a posibilidade aos diferentes centros públicos do municipio de que acollan unha sesión de contacontos nas súas propias instalacións o luns de abril que o soliciten. A maiores, o luns 23, Día Internacional do Libro, a Biblioteca Municipal realizará un contacontos ás 18:00 horas e pola mañá o Concello inaugurará oficialmente o mural que a artista Lula Goce pintou no CEIP Carlos Casares en homenaxe precisamente ao autor que dá o nome ao centro.

Programa tódolos sábados a mediodía, en colaboración con ‘Donde viven los cuentos’, contacontos infantís. Ademáis, ofrecerá sesións os diferentes luns nos colexios públicos de Nigrán que o soliciten

A programación complétase coa actividade ‘Fíos do Querer’ de Cé Orquestra Pantasma a tarde do venres 27 na Praza do Concello, que irá acompañada de un obradoiro de xogo libre con material natural non estruturado. ‘Fíos do querer’ é unha actividade para xogar, cantar e bailar cos nenos de colo, que gozarán de nanas de primeiras palabras, para arrolar, para dar bicos, facer palmiñas, virar, saltar…

O punto e final á programación será o sábado 28 co contacontos a mediodía na Praza do Concello e pola tarde co obradoiro ‘pintando a música’ baseado no imaxinario de Hervé Tullet e dirixido a familias e nenos a partir de 5 anos. Tullet é recoñecido en Francia como o ‘Príncipe dos libros de Preescolar’.

O programa se completa con actividades especiais o 23 de abril (‘Día do Libro’), ‘Os fíos do querer’ o 27 de abril e o obradoiro ‘pintando a música’ baseado en Hervet Tullet o sábado 28 pola tarde

Carla Muñoz, de ‘Donde Viven los cuentos’, foi a responsable de deseñar toda a programación dos contacontos dos sábados. Estes comezarán con  Lohengrín a seguirán con Loreto Pertíñez, Miguel Ángel Alonso Diz e Matrácala. A maiores, a propia Carla Muñoz realizará o contacontos do día 23 na Biblioteca Municipal e os dos luns nos colexios. Licenciada en Biblioteconomía e Documentación pola Universidade de Salamanca, Carla adicou a maior parte da súa carreira profesional a traballar en bibliotecas, especializándose nas infantís e xuvenís. Neste sentido, a súa experiencia no Centro Internacional do Libro Infantil e Xuvenil da FGSR fíxolle descubrir a súa auténtica paixón: a animación á lectura. Por este motivo, en xuño de 2017 abre ‘Donde viven los cuentos’ na Praza do Concello de Nigrán, un lugar que achega a literatura de calidade ós nenos e nenas da comarca e trata de transmitirlles a paixón pola lectura a través de diferentes actividades, ademais, trátase dun lugar onde pais e profesionais reciben asesoramento especializado non só en literatura, senón tamén en psicoloxía e pedagoxías alternativas grazas aos diversos especialistas que colaboran con ‘Donde viven los cuentos’

- Publicidade -spot_img