spot_img
InicioVal MiñorNigránO Náutico de Panxón refórzase con novos patrocinios e senta as bases...

O Náutico de Panxón refórzase con novos patrocinios e senta as bases para crear o seu equipo de regatas

nautico-panxon-reforzase-novos-patrocinios-e-senta-as-bases-crear-seu-equipo-regatasO Club Náutico de Panxón pechou este pasado fin de semana a tempada da súa Escola de Mar co acto de entrega de diplomas aos alumnos que durante todo o verán participaron nos cursos de vela lixeira, windsurf e kaiak.

O delegado da Xunta na área de Vigo, Ignacio López-Chaves, participou xunto á directiva do Náutico de Panxón, así como socios e familias dos alumnos, no acto celebrado nas instalacións do club a noite do pasado venres.

Despois de varios anos nos que a actividade do club e a súa Escola de Vela decaeran dunha maneira importante, un novo proxecto deportivo impulsado polo seu novo comodoro, Alberto da Porca, e patrocinado por empresas de Nigrán, como Marine Instruments, e outras galegas e mesmo de ámbito nacional, como Atunlo, Stoco, Kartin, Confremar ou Ensa, revitalizou unha entidade e unha escola que conta cunha traxectoria de máis de 25 anos.

O balance de resultados deste verán, con máis de 150 novas licenzas de vela e plena ocupación das prazas ofertadas durante os meses de xullo e agosto, demostran o importante impulso que recibiu o club tras recuperar os cursos de vela lixeira, windsurf e kaiak.

Tras o éxito logrado co novo proxecto deportivo posto en marcha, a directiva pretende manter a Escola de Mar durante a tempada de inverno e poñer en marcha un novo equipo de regatas que ofreza continuidade á presenza dos alumnos no club.

?Estamos moi satisfeitos cos resultados obtidos, fíxose un gran traballo desde a entidade para revitalizar o club e cremos que agora é o momento de dar un paso máis adiante para crear o noso primeiro equipo de regatas, consolidar e recuperar a actividade náutica que tivo o club na súa historia recente?, explica Alberto da Porca.

Dentro dos novos plans da xunta directiva tamén entra a opción dunha posible colaboración sen animo de lucro cos colexios do Val Miñor co obxectivo de promocionar a vela lixeira e os deportes náuticos en toda a comarca.

- Publicidade -spot_img