spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaMúsicos de raíz en Chapela co grupo "Os Minhotos"

Músicos de raíz en Chapela co grupo “Os Minhotos”

A Concellaría de Cultura organiza un concerto de música tradicional e folk do grupo lugués Os Minhotos, que presentan o seu primeiro traballo discográfico, Pinga d’Auga.

A Concellaría de Cultura organiza un concerto de música tradicional e folk do grupo lugués Os Minhotos, que presentan o seu primeiro traballo discográfico, Pinga d'Auga.Os cinco compoñentes deste grupo teñen unha longa traxectoria na música tradicional galega. Tres deles xa coincidiran no grupo Caldaloba. A orixe d’Os Minhotos remóntase a seis anos atrás e nestes anos foron madurando pezas que agora forman parte do seu repertorio e do seu debut discográfico, titulado Pinga D´Auga.

Segundo Xaneco Tubío, un dos membros da formación, editar un álbum “faise coa intención de lograr un empurrón que faga á banda máis coñecida”. De feito, aínda que na provincia de Lugo son moi coñecidos, non tiveron aínda demasiadas actuacións fóra da súa contorna. Esta é unha oportunidade magnífica para achegarse á súa música, un repertorio que inclúe pezas tradicionais e varias composicións de Bruno Villamor, que dotan dun toque máis persoal á formación.

Segundo eles mesmos manifestan, están na música tradicional, entre outras cousas, por un compromiso coa cultura do país e para tentar que non morra ese legado tan importante. O seu traballo, con arranxos cara ao folk e tamén con temas propios, quere ser como unha “pinga de auga que sirva para preparar a terra e os que veñan detrás poidan atopar unha situación diferente á actual”.

O concerto celebrarase o vindeiro sábado, 27 de decembro, ás 20.00 h, no auditorio do Piñeiral do Crego, en Chapela. As entradas pódense adquirir nos multiúsos dende este venres, a un prezo de 5 € (3 € para estudantes e xubiladas).

- Publicidade -spot_img