Mouriño inaugura oficialmente as Festas do Monte nun Auditorio de San Bieito cheo e unido co Celta

mourino-inaugura-oficialmente-as-festas-do-monte-nun-auditorio-san-bieito-cheo-e-unido-co-celtaAs Festas do Monte deron comezo oficialmente onte, co pregón do presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño. Co Auditorio de San Bieito cheo, Mouriño dirixiuse aos guardeses e guardesas para encomiar a súa paixón e destreza no deporte; a mesma paixón, apuntou, que dedican na celebración das súas Festas do Monte. O tradicional Festival Folclórico puxo fin ao acto, coa actuación de sete grupos musicais que mantiveron ó público nos sentadoiros ata preto das 22.00 horas.

O acto inaugural das festas, presentado por Elena Baz, comezou pasadas as 20.00 horas no Auditorio de San Bieito. Máis de medio milleiro de persoas agardaban ó pregón do presidente do Celta, Carlos Mouriño, que viu precedido pola benvida do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, animando a veciño e visitantes a gozar desta “celebración centenaria”.

O rexedor aproveitou para lembrar que será este venres ás 11.30 cando se inaugurarán a rúa Vigo, substituíndo á Primeira e Segunda Transversais Bechos; e a rúa do Celta, que substituirá a Terceira Transversal Bechos, nun acto ao que todas as veciñas e veciños están convidados.

Tamén quixeron dirixirse ao público o coordinador das Festas do Monte, Manuel Castro, e as deputadas provinciais Digna Rivas e Montserrat Magallanes. Esta última, tamén concelleira de Turismo no Concello da Guarda, puxo en valor a  “magnífica” contorna coa que conta a vila mariñeira, froito da fusión do monte e o mar dos que debemos coidar. Neste mesmo sentido pronunciouse Manuel Castro, ao referirse á vital importancia do respecto e o coidado do monte ao que se deben estas festas. O coordinador dedicou un agradecemento especial á Carlos Mouriño, cuxa presencia nesta celebración se debe ó 25 aniversario da Peña celtista do Baixo Miño, e ao persoal do Concello que fai posible “que todos poidamos desfrutar destas festas”.

A Guarda está co Celta

“Aquí descubrimos o tríscele que loce a nosa camiseta” e forma parte da identidade do equipo celtista, sinalou o presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, ao referirse á vila da Guarda. Foi aquí, ademais e segundo recoñeceu durante o pregón, onde exerceu por primeira vez como guía turístico, sendo aínda un mozo.

mourino-inaugura-oficialmente-as-festas-do-monte-nun-auditorio-san-bieito-cheo-e-unido-co-celtaAmais dos seus vínculos persoais coa nosa terra, o presidente do Celta referiuse ó mérito do Club de Balonmán Mecalia Atlético Guardés, recentes campionas da Liga, das que resaltou “a súa determinación e ambición”. A Peña do Baixo Miño tamén foi merecedora dos seus eloxios, tras “25 anos unindo Vigo e A Guarda con paixón e entusiasmo”.

Os grupos participantes no Festival Folclórico non foron esquecidos polo presidente celtista, que quixo agasallar aos seus  representantes e á comisión das festas cun recordo do R.C. Celta en lembranza deste pregón.

Dende a organización, ademais, dedicouse un recoñecemento especial á Banda Negra, pioneira nas Festas do Monte con medio século de vida, e aos donos da Confeitaría Rogelio, que este ano tamén celebra o seu 50 aniversario como un dos locais máis lonxevos e queridos polos veciños da vila.

Música e baile nas Festas do Monte

O grupo de gaitas da Terceira Idade, Boalleira, Churumbela, a Asociación Folclórica Vento Mareiro, Doxe nun ano, Xamaraina e Trebón dos Xidos foron os grupos encargados de amenizar a noite tras o acto inaugural das festas, dentro do xa tradicional Festival Folclórico. Xa ás 22.30 horas, deu comezo a verbena na Alameda, coa actuación das orquestras Nevada e Jonnhy Maquinaria, que puxeron fin a esta primeira xornada das Festas do Monte 2017.

Esta noite serán América e Son D’ Vigo as orquestras encargadas de por a música e o baile na noite da Alameda, tras unha tarde marcada pola Festa Homenaxe á Terceira Idade que se celebrará no Auditorio de San Bieito e as mañás amenizadas polos pasacalles. A Guarda encherase de música, de baile e de festa ata o próximo martes 15 de agosto, co espectáculo pirotécnico a media noite no porto mariñeiro.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies