A mostra “Sorrisos transformadores” defende o respecto á diversidade fronte á transfobia

mostra-sorrisos-transformadores-defende-respecto-diversidade-fronte-transfobiaA exposición fotográfica “Sorrisos transformadores”, dedicada á visibilización e normalización do colectivo trans, pode visitarse no interior do IES da Sangriña.

Preto dun centenar de persoas, entre as que se atopaban parte do alumando e docentes do centro, participaron na charla-coloquio impartida pola traballadora social e presidenta da  Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia (ARELAS), Cristina Palacios, durante a presentación da mostra celebrada na tarde deste luns.

Acudiron ao acto de inauguración o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba; a deputada provincial de Emprego, Montserrat Magallanes; a xefa do Servizo de Igualdade da Deputación provincial, Lucía Muradas; a concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente; o concelleiro guardés do BNG, Ángel Baz; a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Guarda, Yolanda Vilaverde; e a psicóloga do CIM, Patricia Ruiz.

Antes de dar paso ao faladoiro, o rexedor local subliñou a importancia deste tipo de actos dedicados aos valores de respecto e sensibilización, especialmente en espazos educativos. “Todo o que aprendemos na escola, acaba sendo parte do que somos”, afirmou Antonio Lomba, que se referiu á identidade e á liberdade como dereitos básicos cuxo coñecemento “fainos máis libres e máis respectuosos”.

Nesta mesma liña pronunciouse a deputada provincial, destacando a mensaxe  presente nas dez fotografías que a compoñen: “respecta-defende-sensibiliza-iguala-vive e deixa vivir”, lema no que se recolle a esencia da mostra, centrada no respecto á diversidade e contra os comportamentos discriminatorios.

A mirada “transpositiva”

“Crianzas trans*formando a sociedade” foi o título da charla-coloquio ofrecido por Cristina Palacios, na que a traballadora social e docente incidiu na aclaración dos termos básicos que poden axudar á comprensión da identidade de xénero e o seu vínculo co colectivo trans. Así, sexo, xénero, orientación sexual, expresión de xénero e identidade foron as palabras chave do faladoiro, que se centrou na diversidade e a necesidade dunha sociedade máis igualitaria, xusta e respectuosa con aqueles que “rachan co que algúns din que é o normal”, por non axustarse ao binomio home-muller tan arraigado culturalmente.

“Transgredir coas normas que teñen que ver co xénero non é nada doado”, afirmou Palacios, que engadiu a transfobia, xunto co machismo e o sexismo, á listaxe de problemáticas coas que as crianzas trans* teñen que convivir decotío.  Rexeitamento familiar e/ou social e o acoso escolar son dúas das formas máis evidentes de represión da identidade de xénero das persoas trans*, segundo sinalou a especialista, que animou ao corpo docente a incluír esta temática nas aulas e a combater activamente a invisibilización e o illamento que sofren alumnas e alumnos de calquera condición.

Con todo, concluíu a docente, “a revolución social” a favor da diversidade “é un feito que xa non pode parar”. O seu absoluto éxito pasará pola aplicación xeneralizada da “mirada transpositiva, isto é, unha actitude social favorable á diversidade, “que a comprenda como como feito natural e non vergoñento”. Será así, afirmou Palacios, “como esta transformación social que xa está sendo, será ao fin unha realidade”.

“Sorrisos transformadores” chega á Guarda para dar visibilidade ao colectivo transSobre a exposición

A mostra fotográfica permanecerá no instituto aberta ao público ata este venres, 6 de outubro. A partir do próximo luns e ata o día 14 deste mes poderá visitarse no Centro Cultural en horario de mañá (de 10:00 a 13:00 h) e tarde (17:00 a 20:00 h) de luns a venres, namentres o sábado permanecerá aberto en horario de mañá.

“Sorrisos transformadores”  é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra e ARELAS, con fotografías de Noemí Chantada e en colaboración co Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello da Guarda. A mostra artística busca dar visibilidade, sensibilizar e naturalizar ao colectivo trans, prevendo actitudes discriminatorias por cuestión de orientación sexual ou identidade de xénero.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies