Martin Codax convértese no autor galego traducido a máis linguas

A Universidade de Vigo edita a ‘As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas’ nun volume, no que colaboraron máis de 70 persoas e que coordina Xosé-Henrique Costas

Do emakhwa de Mozambique ao ruso, do alemán ao maorí de Nova Celandia, do croata ao guaraní do Paraguai, do zoque-popoluca mexicano ata o tamazigh do norte de África, pasando por case todas as linguas románicas e xermánicas, ata sumar un total de 55 idiomas. Martin Codax convértese no autor galego traducido a máis linguas coa publicación da obra As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas, coordinada polo docente e investigador do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo Xosé- Henrique Costas. O libro, que acaba de saír do prelo, é froito do traballo desenvolvido ao longo dun ano, no que máis de 70 persoas colaboraron “neste volume tan galegamente universal”, sinala Costas.

Docentes de lingua e literatura de varias universidades, algúns profesionais da tradución especializados en textos literarios, poetisas e poetas, escritoras e escritores e persoas falantes de cada un dos 55 idiomas os que se traduciron as cantigas de Martin Codax recollidas no Pergamiño Vindel, participaron no proceso de tradución da obra completa do trobador. “Algúns tradutores coñeciámolos por amizade ou por referencias, a outros chegamos a través de amigos e así foi todo unha cadea de simpatía e solidariedade. Falando de cadeas, quérolle mandar unha inmensa aperta ato tradutor de kurdo, que non puido entregar a súas tradución porque foi encarcerado e illado polo estado xenocida turco. Aínda hoxe non sabemos nada del”, explica o coordinador do libro. Costas agradece o traballo “gratis et amore” que realizaron todas as persoas que participaron no libro, en especial o das e dos tradutores a linguas menos coñecidas, porque querían que as súas figurasen a carón das chamadas “linguas internacionais”.

O mundo é moito máis ca inglés

O libro coas traducións das cantigas de Martin Codax xestouse coa idea de dar acubillo ás linguas máis coñecidas internacionalmente, “pero logo cantas máis linguas mellor para dar unha mostra da riqueza e pluralidade lingüística do mundo. O mundo é máis ca inglés, castelán, pizzas e eucaliptos”, explica Xosé-Henrique Costas, que alerta da situación de perigo que sofren moitos deses idiomas, entre eles o galego, “que a nós nos toca conservar e difundir para legalo nas mellores condicións ás xeracións vindoiras. Ese patrimonio mundial chámase lingua galega”.

A edición dun volume plurilingüe dunha obra dun autor galego non é unha novidade para a Universidade de Vigo, que hai uns anos publicou varios poemas de Alvaro Cunqueiro en 17 linguas hoxe faladas ou que se falaron na península ibérica, así como a tradución do poema A un meu fillo de Xosé Luis Méndez Ferrín a unha vintena de idiomas. “Ambas as edicións saíron desta universidade. Digamos pois, que este tipo de edicións multilingües de literatura galega son marca da casa, pois só as facemos aquí”, explica o coordinador das traducións da obra de Codax, tanto a linguas chamadas “internacionais”, como a unha representación del linguas de todo o mundo, “porque todas son iguais de importantes para o equilibrio do mundo”, asegura.

Mª del Carmen Echevarría//UVIgo

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies