spot_img
InicioGaliciaMáis de 60 adegas participan nas ‘VII Xornadas de Portas Abertas nas...

Máis de 60 adegas participan nas ‘VII Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia’ que promoven o enoturismo

feira-do-vino-do-rosal-aumenta-sua-relevancia-nomeada-festa-interese-turistico-autonomico
Foto: Vendimia Adega Terras Gauda – viñedo de caiño

Máis de 60 adegas participan nas ‘VII Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia’ que promoven o enoturismo. Celebraranse durante as fins de semana do 25, 26 e 27 de maio nas D.O de Rías Baixas e do Ribeiro e o 1, 2 e 3 de xuño nas de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras

Visitas guiadas por máis de 60 adegas galegas xunto con máis de 40 actividades paralelas en torno ao enoturismo conforman a programación das VII Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia que se presentaron hoxe no Hostal dos Reis Católicos e que se desenvolverán durante as fins de semana do 25, 26 e 27 de maio e do 1, 2 e 3 de xuño co apoio da Xunta de Galicia.

O acto de presentación contou coa participación da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que estiveron acompañadas de representantes das cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas. Durante o acto, a titular de Turismo do Goberno galego puxo en valor o papel das xornadas de portas abertas durante estes sete anos por ter promovido Galicia a través da nosa cultura enogastronómica e dando a coñecer os nosos recursos patrimoniais, etnográficos, artesanais e naturais.

“Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras condensan o mellor de Galicia,”, explicou Nava Castro indicando, ademais, a importancia estratéxica da enogastronomía no modelo turístico galego polo seu importante papel desestacionalizador e por contribuír a diversificar a oferta por gran parte do territorio galego.

Neste sentido, referiuse ao apoio decidido e estable de Turismo de Galicia de máis de 230.000 euros para a promoción das Rutas do Viño ata o ano 2021 ou a importancia que o enoturismo terá en dúas das principais apostas do Goberno galego nas que a Xunta está a traballar: o Plan de Turismo Rural e o Plan de Enogastronomía.

Crecente valor económico

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, foi a responsable de pechar este acto e aproveitou para destacar o traballo dos viticultores galegos, que fan do mundo do viño o sector máis exportador do ámbito agroalimentario galego. “As cifras do ano 2017 son reveladoras”, declarou Ángeles Vázquez, en alusión aos 45 millóns de litros de viño certificado que xeraron un valor económico duns 210 millóns de euros.

Precisamente, segundo os datos publicados polo Ministerio, os viños galegos comercializaron na campaña 2016-2017 un 7,5% máis de viño cualificado que o ano anterior. Esta porcentaxe está tres puntos por riba da media española, o que demostra o avance neste eido, algo directamente relacionado co labor dos produtores, industrias e adegueiros, aos que a conselleira agradeceu a súa implicación e compromiso.

Bus do Viño

A edición deste ano caracterízase polas súas altas doses de creatividade con actividades paralelas que mesturan a cultura vitivinícola galega coa maxia e o ilusionismo, coa música de percusión, coa mellor gastronomía ou co turismo activo e de natureza incluíndo roteiros de sendeirismo ou mesmo paseos a cabalo, entre outras moitas iniciativas.

As xornadas darán comezo a última fin de semana deste mesmo mes de maio, do venres 25 ao domingo 27 permitindo facer un percorrido polas denominacións de orixe das Rías Baixas e do Ribeiro. A primeira fin de semana de xuño, do venres 1 ao domingo 3, será a quenda para as denominacións de orixe de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

Durante estas xornadas, o Bus do Viño conectará lugares como Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense, Verín, Lugo, Ribadavia ou Xinzo de Limia, entre outros, coas cinco denominacións de orixe facendo posible a visita ás máis de 60 adegas participantes e para gozar das máis de 40 actividades complementarias programadas. Incluiranse concursos con billetes para os Trens Turísticos de Galicia como agasallo.

Os interesados en participar nas VII Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia, atoparán completa información nas guías promocionais dispoñibles nas oficinas de turismo e outros espazos de interese turístico e nas páxinas web de Turismo de Galicia e en www.xornadasrutasvinogalicia2018.com

- Publicidade -spot_img