spot_img
InicioBaixo MiñoMáis de 54 mil persoas pasaron durante 2016 pola Oficina Municipal de...

Máis de 54 mil persoas pasaron durante 2016 pola Oficina Municipal de Turismo de Tui

mais-de-16-mil-persoas-pasaron-en-agosto-pola-oficina-de-turismo-de-tuiDo total 42.500 eran turistas e case 12 mil peregrinos. Duplícanse as cifras de 2015

Durante o ano 2016 un total de 54.466 persoas demandaron información turística na Oficina Municipal de Turismo de Tui, situada na praza de San Fernando, e no Punto de Información Turística, na praza da Inmaculada. O balance é moi positivo xa que case duplica a cifra rexistrada en 2015 con 28.082 consultas, cando o período de cómputo foi menor abrindo a oficina só de abril a decembro.

Do total de 54.466 persoas que se achegaron ata estes puntos de información 42.534 foron turistas e 11.932 foron peregrinos. Os meses de maior afluencia foron agosto con 16.019 consultas, xullo con 14.033 e setembro con 9.529. Estas cifras duplican as rexistradas no mesmo período de 2015 cando en agosto houbo 8.121 consultas, 6.902 en xullo e 3.556 en setembro. En canto a procedencia no turismo nacional rexístranse visitas de todas as comunidades autónomas, así coma de Ceuta e Melilla, destacando sobre todo a presenza de madrileños, barceloneses, valencianos e sevillanos. Mentres no internacional houbo turistas de máis de 40 nacionalidades de todos os continentes, pero principalmente de Portugal, Alemaña, Francia e Italia, aínda que tamén doutros lugares coma Tailandia, Xapón, Lituania, ou Sudáfrica.

Cómpre destacar que en 2016 á Oficina Municipal de Turismo situada na praza de San Fernando, que abriu os doce meses do ano. E á mesma sumouse durante os meses estivais o Punto de Información Turística na praza da Inmaculada onde tanto turistas coma peregrinos demandan información sobre aloxamentos, qué visitar, lugares de interese…

Máis de 54 mil persoas pasaron durante 2016 pola Oficina Municipal de Turismo de Tui

No eido turístico cabe mencionar tamén a posta en marcha, xunto con Valença, do tren turístico da Eurocidade que realizou visitas entre as dúas cidades tanto no verán como no Nadal cunha moi boa acollida. Outra das iniciativas desenvolvidas foron as visitas guiadas gratuítas realizadas, por segundo ano consecutivo, entre xuño e decembro ao Tui Xudeu, coa visita por vez primeira á casa de Salomón, e ao Tui Medieval, con rotas específicas tamén ao Tui Fidalgo, Escolar ou polas Cárceres do conxunto histórico. Nestas visitas participaron 4.090 persoas durante os 7 meses en que se celebraron.

Para levar a cabo a promoción da cidade xunto co Obradoiro de Emprego “Descubre Tui” editouse unha guía turística e varios folletos temáticos, e amais a cidade xunto Valença promocionouse nas feiras internacionais de FITUR en Madrid e BTL en Lisboa e na Feira Ibérica de Guarda.

O Camiño Portugués a Santiago rexistrou tamén un importante auxe ao longo de 2016, en concreto segundo os datos feitos públicos pola Oficina de Acollida do Peregrino, nos últimos doce meses 15.159 persoas que obtiveron a Compostela iniciaron o seu camiño en Tui, son 1.360 máis que en 2015. O maior número de peregrinos, 4.027, saíron de Tui en agosto, 3.108 en xullo e 2.501 en setembro. Os meses con menor partida de camiñantes dende Tui foron xaneiro con 61, febreiro con 77 e decembro con 129.

Dende o Concello de Tui neste 2017 mantense a aposta polo Turismo coma un dos principais polos de atracción da cidade quen de captar non so turistas nacionais senón tamén internacionais. Neste ano o contacto mantido a finais de 2016 cos consignatarios dos cruceiros de Vigo frutificará na presenza na cidade cruceiristas que recalan na cidade olívica ofrecéndolles a visita ao patrimonio arquitectónico, natural e cultural que atesoura a cidade. Manterase a aposta polas visitas guiadas xunto a novas iniciativas  das que se irá dando conta.

 

- Publicidade -spot_img